Educación e a empresa Indra selan un acordo sobre FP Dual que incrementa a oferta formativa na área tecnolóxica na Coruña

Ao abeiro de dita colaboración, o IES Fernando Wirtz Suárez impartirá por primeira vez os ciclos de grao superior en Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma, e de Desenvolvemento de aplicacións web, con 12 prazas cada un

A área metropolitana coruñesa incorpora once novos ciclos de Dual para o vindeiro curso, repartidos entre cinco Institutos e Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), que suman un total de 178 novas prazas

Indra aposta polo talento da mocidade galega e, a través da FP Dual, pode participar na súa formación, mellorar a súa empregabilidade e captar profesionais preparados para as necesidades dos seus centros de produción, como o que ten na Coruña

Ven, 20/07/2018 - 11:43
Educación e a empresa Indra selan un acordo sobre FP Dual que incrementa a oferta formativa na área tecnolóxica na Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incrementa a oferta de prazas de FP Dual na cidade da Coruña grazas á incorporación da empresa Indra a través de dous proxectos que se impartirán no IES Fernando Wirtz Suárez a partires do vindeiro curso 2018/19.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o director de Captación de Talento Indra, Santiago Huertas, asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha dous novos ciclos do ámbito das tecnoloxía. Con motivo desta sinatura, o conselleiro aproveitou para coñecer de primeira man  as instalacións da empresa, nunha visita privada na que tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación Tencolóxica, Manuel Corredoira; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; a directora do negocio de TI de Indra en Galicia, Lucía Ardao; e a directora de Administracións Públicas España de Indra, María Jesús Paniagua.

Ao abeiro de dito convenio, o IES Fernando Wirtz Suárez incorpora os ciclos de grao superior en Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e de Desenvolvemento de aplicacións web, que suman un total de 24 prazas a razón de 12 por cada un deles, e que terán unha duración de dous cursos.

Combinar formación curricular e actividade profesional

A FP Dual é o modelo de formación de futuro, no que o alumnado recibe á vez formación teórica e práctica, e na que a empresa se involucra tanto no propio currículo do ciclo como na formación complementaria do estudante.

Neste caso cómpre subliñar que a empresa colaboradora nestes novos proxectos estea especializada nun sector, o tecnolóxico, cunha clara proxección de futuro, o que contribuirá aínda máis a incrementar as opcións dos titulados no mercado laboral.

Así, ao longo dos dous cursos, o alumnado combinará a formación curricular no IES Fernando Wirtz Suárez coa complementaria que ofreza a compañía e estadías nas que realizarán actividade profesionalizadora nas instalacións de Indra na Coruña. En cada curso, os estudantes pasarán seis meses no CIFP e outros seis na empresa.

Así mesmo, a empresa comprométese a financiar o proxecto a través dun sistema de bolsas por un importe mínimo de 450 euros/mes durante os meses nos que a actividade formativa e profesionalizadora se realice integramente nela. Así mesmo, os alumnos serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social, e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións por curso.

Estes dous novos proxectos de FP Dual (con 2.000 horas cada un deles) axústanse aos currículos dos ciclos de grao superior correspondentes aos títulos de técnico superior en Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma; e en Desenvolvemento de Aplicacións Web, respectivamente.

A FP Dual na área da Coruña

De cara ao vindeiro curso 2018/19, a Consellería de Educación pon en marcha un total de once novos ciclos de FP Dual na área da Coruña, nos que -contando cos dous de Indra- participan arredor de 40 empresas.

Polo tanto, a maiores das 175 persoas que a día de hoxe se formaron ou se están formando en ciclos de Dual nesta área, hai que engadir a oferta doutras 178 novas prazas para esta modalidade de Formación Profesional en 6 ciclos de grao medio e 5 de grao superior (un dos cales é unha dobre titulación) repartidos nos IES Fernando Wirtz Suárez e Urbano Lugrís, nos CIFP Someso e Paseo das Pontes (todos eles na Coruña); e no IES Universidade Laboral (en Culleredo).

En Galicia, o próximo curso, arrancarán 46 novos ciclos de FP Dual (22 na provincia da Coruña, 10 en Lugo, 3 en Ourense e 11 en Pontevedra), que suman un total de 710 prazas de nova oferta.

Agradecemento a Indra, líder mundial en solucións tecnolóxicas

A consellería de Educación agradece a colaboración de Indra nestes proxectos que forman parte da  aposta do Goberno galego por  impulsar esta modalidade de formación profesional en Galicia en xeral e na área da Coruña en particular, que supón ademais un impulso á empregabilidade e o éxito laboral futuro dos máis novos.

Estamos a falar dunha das principais compañías globais de tecnoloxía e consultoría e líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en campos como Defensa e Seguridade; Transporte e Tráfico; Enerxía e Industria; Telecomunicacións e Media; Servizos Financeiros; Procesos Electorais; e Administracións Públicas e Sanidade. Non en balde, está presente en 46 países e mantén operacións comerciais en máis de 140 estados de todo o mundo.

Como compañía baseada no coñecemento, a innovación e o talento, Indra aposta desde fai anos polo talento dos mozos como unha das principais vías para impulsar a súa transformación cultural, a través da cal aspira a converterse na compañía máis atractiva para o talento na era dixital e, en paralelo, potencia ra súa posición de líder no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e da transformación dixital.

En concreto, dentro do seu programa Smart Start de captación de talento mozo, está potenciando a colaboración cos principais centros de FP para involucrarse e participar na formación dos estudantes, ademais de facilitar que poidan facer as súas prácticas na compañía. O obxectivo de Indra é reforzar a presenza de titulados e estudantes de Formación Profesional (FP) nos seus centros de produción, como o que ten na Coruña.

Indra mantén un forte compromiso co tecido empresarial e social galego, así como cos seus profesionais e estudantes, como demostra o acordo acadado. Para Indra, Galicia é unha comunidade prioritaria, na que xa conta cunha forte implantación, con máis de 1.300 profesionais e centros de operacións en Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. O que se complementa con cordos con universidades e unha aposta pola axudas ás startups galegas.