Estudantes de nove centros de FP participan no Trofeo Colorart, organizado pola Consellería de Educación e L’Oreal

O certame ten como obxectivo achegar ao alumnado ao mundo profesional da perrucaría

Mar, 10/05/2011 - 12:21

Alumnas e alumnos de nove centros educativos galegos participan hoxe no Trofeo Color Art de L'Oreal, que se celebra no Teatro Laura Olmo, no Barco de Valdeorras, coa colaboración do IES Laura Olmo. Este certame está destinado ao alumnado do CM de Perrucaría, e froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e organizado de forma conxunta pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o departamento educativo da empresa L'Oreal para a posta en marcha do programa ‘Aprender +’.

No certame toman parte o CIFP Someso da Coruña, IES Perdouro de Burela, IES Muralla Romana de Lugo, IES A Pinguela de Monforte de Lemos, IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, IES 12 de Outubro de Ourense, IES Johan Carballeira de Bueu, IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e IES de Teis de Vigo.

Ao longo da tarde os estudantes realizarán probas de corte e peiteado, e de recollidos artísticos de estilo creativo libre. Tras valorar o papel de todos os participantes, o xurado dará a coñecer a súa deliberación, e procederase á entrega de premios. O galardón do concurso inclúe, ademais do referido trofeo, formación en corte, color e xestión dun salón de perrucaría.

O Trofeo Color Art ten como obxectivo crear unha dinámica de competición profesional que se inicia no interior de cada centro. Deste xeito preténdese achegar aos estudantes ao mundo profesional da perrucaría, vinculado neste caso ademais á I+d+i neste eido.