Román Rodríguez destaca o “triángulo virtuoso” do Campus de Lugo, formado pola Facultade de Veterinaria, o Hospital Rof Codina e o Cebiovet

O conselleiro participou na inauguración das obras de remodelación do hospital veterinario universitario, ás que a Xunta achegou preto de 480.000 euros
O titular de Educación explicou que a produción e sanidade animal é unha das áreas estratéxicas do Campus Terra, un proxecto de especialización que se reforza con cinco novas titulacións ata 2021
Lun, 09/07/2018 - 15:42

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou que o Campus de Lugo conta cun “triángulo virtuoso” de docencia, investigación e transferencia de coñecemento no ámbito da produción e sanidade animal. Os tres vértices dese triángulo son a Facultade de Veterinaria –a única do noroeste español e das poucas que existen en España co aval da asociación EAEVE (The European Association of Establishments for Veterinary Education)–, o Centro de Biomedicina e Veterinaria Cebiovet, e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. “Entre os tres compleméntanse e reúnen todo o necesario para converter a Lugo en referente en España, e en Europa, da ciencia veterinaria”, destacou.

Así o remarcou con motivo da inauguración das obras de remodelación do hospital, un centro que non só ten unha función clínica e asistencial, senón que pon as súas instalacións  a disposición da formación do alumnado da Facultade. Os traballos supuxeron un investimento total superior ao millón de euros, dos que a Xunta achegou preto de 480.000. Así mesmo, Román Rodríguez puxo en valor a colaboración dos demais patróns da Fundación Rof Codina –Universidade de Santiago, Deputación provincial de Lugo e Concello de Lugo– para levar a cabo unhas reformas que permitisen modernizalo e adaptalo aos novos tempos.

En concreto, reestruturáronse determinados espazos para mellorar as circulacións interiores; renováronse acabados de chans, teitos e paramentos verticais; substituíronse portas interiores; renováronse determinados elementos das instalacións como tomas de osíxeno, protección contra incendios, control de accesos e videovixilancia etc; e dotouse de novos elementos de instalación de ventilación e climatización a aqueles espazos nos que a normativa actual os esixe. Cómpre resaltar que este edificio se puxo en marcha no ano 1995 ao amparo da Fundación. 

Esta obra súmase á realizada no centro de investigación Cebiovet, inaugurado en febreiro de 2016 tras un investimento superior aos 3,6 millóns de euros. “Pero tamén tiñamos un compromiso con este hospital, un centro que, xunto coa Facultade e o Cebiovet, constitúe un verdadeiro proxecto social e económico para a cidade, para a provincia e para toda Galicia”, salientou.

Impulso á especialización intelixente

O conselleiro lembrou que a produción e sanidade animal é unha das áreas estratéxicas do Campus Terra, o proxecto de “especialización intelixente” do campus de Lugo. Intelixente porque se fixa na contorna e nas súas particularidades para xerar, desde a Universidade, máis crecemento e benestar para a sociedade, explicou. Neste sentido, o Campus Terra tamén se centra na ordenación do territorio, na agricultura, na xestión forestal ou na seguridade alimentaria, co obxectivo de situar a Lugo como campus líder en temáticas da Terra no Sistema Universitario de Galicia e en toda España. 

Graos adaptados a sectores estratéxicos

Co fin de seguir avanzando nesta especialización, a mellora do mapa de titulacións do SUG ata 2021 inclúe cinco novos graos para Lugo, o que o converte no campus que máis títulos introduce neste horizonte. O primeiro deles comeza este mesmo setembro e trátase do primeiro Grao interuniversitario do SUG: o Grao en Paisaxe, impartido de xeito conxunto entre as universidades de Santiago e Coruña. É o único que aborda esta temática no sistema público español, polo que confirma a Galicia como referencia en todo o Estado.

Pola súa banda, no curso 2019/20, o campus de Lugo ofertará Grao en Robótica, en Xestión do patrimonio e industrias culturais, e en Emprendemento. E no 2020/21, Grao en Bioquímica.

Ademais do conselleiro, no acto participaron o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de La Cruz; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a alcaldesa en funcións, Ana Prieto; e o presidente da Deputación provincial, Darío Campos. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro.