A Xunta renova o Observatorio da Lingua Galega
O portal e o seu boletín de noticias celebran dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial
O secretario xeral de Política Lingüística e a directora da Amtega presentaron hoxe en rolda de prensa a versión actualizada
Mér, 04/07/2018 - 15:30

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), renovan o portal web do Observatorio da Lingua Galega que chega, canda ao seu boletín de noticias, aos dez anos en funcionamento como referente informativo en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora da Amtega, Mar Pereira, acompañados de Miguel Costas, representante da consultora Eosa, xestora do proxecto, presentaron hoxe ao mediodía en rolda de prensa a versión actualizada, á que xa se pode acceder no enlace www.observatoriodalingua.gal.

“Presentamos a versión actualizada dunha ferramenta xa consolidada como referente no eido das linguas, que nos ofrece, semana a semana, cumprida información da actualidade lingüística e, periodicamente, resultados de estudos e diagnoses que permiten orientar as políticas públicas de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde os diferentes ámbitos sociais e sectores que marca o Plan xeral de normalización da lingua galega”, salientou o secretario xeral na súa intervención.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que a renovación destes espazos web e o incremento de servizos online forma parte da estratexia da Xunta para consolidar unha Administración dixital. O obxectivo é facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información e a os novos servizos electrónicos. Nos últimos anos, a Administración autonómica consolidou un modelo de presenza en internet que ten como piar central o portal corporativo xunta.gal, ao redor do cal se integran os restantes portais institucionais. Xunta.gal recibe máis 6 millóns de visitas anuais e conta con máis de 1,4 millóns de seguidores nas redes sociais.

Dez anos do proxecto en cifras

O web do Observatorio da Lingua Galega, ferramenta dixital de acceso libre e de balde creada en 2008 como instrumento divulgativo e informativo sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos sociais, chega aos seus dez anos de funcionamento como referente en materia de linguas e espazo de difusión da diversidade lingüística mundial. Ao longo deste tempo, recibiu visitas de máis dun cento de países diferentes (dos cinco continentes) e subscribíronse ao seu boletín máis de 1200 persoas (tanto de Galicia coma do exterior), ás que lle chegaron 500 boletíns con máis de 16 000 novas sobre linguas.

No web están tamén dispoñibles as observacións feitas nos ámbitos da educación, medios de comunicación, economía e empresa, sanidade, tecido asociativo, telecomunicacións, cidadanía e organismos de intermediación, elaboradas todas elas seguindo unha metodoloxía de traballo centrada tanto na vertente cuantitativa (a través da elaboración e realización de enquisas, levadas a cabo nas diferentes organizacións que integran cada un dos ámbitos sinalados) como na cualitativa (traducida na realización de 25 paneis de escoita en cada un dos cales participaron entre cinco e sete persoas relacionadas co ámbito de análise -148 en total- e asistidas por un grupo de apoio, co obxectivo de contrastar opinións e debater sobre temas vinculados á lingua galega para recompilar información e valoracións sobre aspectos non tratados nos estudos cuantitativos).

Imaxe renovada     

O web do Observatorio da Lingua Galega, que ofrece os seus contidos en galego e en castelán, estrea o dominio .gal e unha imaxe máis moderna e dinámica, na que se reducen as seccións e se amplían os contidos informativos para un aproveitamento máis eficiente e eficaz da súa usabilidade e unha maior adaptación tanto a novos dispositivos coma ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), en vixencia desde o 25 de maio.

Desde a súa páxina de inicio, pódese navegar por seis bloques de información (carrusel de mensaxes, destacados, últimas noticias, axenda de actividades, accesos directos a seccións internas e subscrición ao boletín) e cinco seccións (observatorio, actualidade, proxectos, información e recursos). Canto ao novo boletín, que se continuará enviando aos enderezos electrónicos das persoas subscritas con periodicidade semanal, cada xoves, configúrase en seis bloques de información (nova en portada, novas de Galicia, de España e do mundo, axenda e destaques), cun deseño no que priman a cabeceira e o contido gráfico.