O proxecto didáctico Antonio Fraguas premia a investigación escolar en galego sobre o patrimonio

Os colexios galardoados nesta XI edición do proxecto foron o CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo) e o CPR María Inmaculada de Silleda
O secretario xeral de Política Lingüística participou na entrega de premios que se celebrou este mediodía no compostelán Museo do Pobo Galego
Xov, 28/06/2018 - 14:43

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na entrega dos premios da XI edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que se celebrou no Museo do Pobo Galego. Este certame de investigación escolar sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego é unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que colabora a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Valentín García referiuse á importancia de fomentar desde as escolas “vocacións investigadoras en galego, tanto no ámbito das humanidades, no que incide o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, como no das ciencias”. O secretario xeral felicitou os premiados “por levardes adiante en galego un proxecto de análise e de pescuda serio e rigoroso, un proxecto que vos permitirá coñecer e apreciar mellor o voso patrimonio próximo e dalo a coñecer no voso contorno”.

Acompañaron a Valentín García na entrega de premios o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi González, e a concelleira de Acción Cultural compostelá, Branca Novoneyra.

Patrimonio etnográfico, histórico e artístico

A esta XI edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas presentáronse 12 traballos de investigación arredor de temas diversos do patrimonio, como as fontes, o pan ou a historia de determinados barrios urbanos.

Na modalidade de ensino primario resultou gañador o proxecto “Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade”, do CEIP Ana María Diéguez de Asados, Rianxo (A Coruña), polo esforzo en divulgar os elementos do patrimonio etnográfico e histórico da súa contorna a través dun traballo de investigación escolar que culminará nun mural colectivo que poderá servir de referencia para a comunidade local.

O proxecto seleccionado na modalidade de ensino secundario foi “Iconografía sacra e profana no concello de Silleda”, presentado polo CPR María Inmaculada desta localidade pontevedresa. O xurado considerou que se trata dunha proposta exhaustiva e ambiciosa que requirirá a implicación permanente tanto da comunidade escolar como de especialistas e valorou que favoreza estratexias de investigación e de divulgación que permiten o coñecemento das manifestacións artísticas do concello.

Un ano para desenvolver os proxectos premiados

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, teñen que executar ao longo do curso seguinte coa dotación de 7000 euros do galardón e coa colaboración do Museo do Pobo Galego. Como resultado de todo o traballo, os gañadores elaboran cadansúa exposición que se mostra no mesmo museo.