Educación adxudica a ampliación do comedor do CEIP das Fontiñas (Santiago), cuxas obras comezarán nos vindeiros días

Esta actuación, que se prevé que estea rematada en outubro, suporá un investimento de preto de 193.000 €
Xov, 28/06/2018 - 11:47

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar a ampliación e reforma do comedor do CEIP das Fontiñas (en Santiago) por un importe de case 193.000 € e un prazo de execución de 3 meses, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180628/AnuncioG0164-180618-0002_gl.html).

Logo da sinatura do contrato coa empresa adxudicataria, está previsto que as obras comecen nos vindeiros días, de xeito que poidan estar totalmente rematadas en outubro de 2018.

A actuación prevista abrangue a demolición de peches actuais da fachada, o tabicado interior de división do comedor actual, a execución de peches exteriores dunha zona destinada a patio, a cuberta da zona ampliada e os acabados e instalacións para adaptación do espazo de comedor.

As obras teñen como único obxectivo aumentar a superficie do comedor escolar, que pasará dos actuais 90,50 m2 a 201,20 m2 mais 9,50 m2 adicionais. Polo tanto a superficie dedicada a este servizo escolar pasa de mais do dobre, incrementándose en 126 m2 grazas ao emprego de micropilotes na cimentación.

Cómpre lembrar que esta obra foi planificada tendo en conta que existe un compromiso do Concello para conectar as dúas parcelas que ocupa o centro, e que na súa actual disposición causa unha serie de riscos para os alumnos usuarios do comedor escolar. Deste xeito, cambiarase a situación da saída actual ao exterior, buscando unha mais fácil e directa conexión ca futura pasarela de conexión.