Educación inviste preto de 470.000 euros na ampliación do CEP Altamira (Salceda de Caselas), cuxa obras comezarán a vindeira semana

A actuación centrarase na demolición da cuberta do edificio para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297 metros cadrados para catro novas aulas
Xov, 28/06/2018 - 11:44

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar o contrato de obra de ampliación do CEP Altamira (en Salceda de Caselas), por un importe de preto de 470.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180628/AnuncioG0164-180618-0002_gl.html).

Logo da sinatura do contrato coa empresa adxudicataria, trabállase coa previsión de que as obras comecen dentro dunha semana polo que os traballos deberán estar totalmente rematados en neste mesmo ano 2018.                                                                    

A intervención consistirá na demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297,15 metros cadrados nos que se instalarán novos espazos destinados a aulas, cunha pasarela de comunicación co edificio principal do aulario.

A ampliación suporá a creación de catro novas aulas, aseo adaptado, almacén de limpeza, escaleiras, distribuidor e pasarela. O CEP Altamira consta na actualidade dun edificio principal destinado a uso educativo de primaria, edificio administrativo e ximnasio.