Valentín García entrega os premios AX1 de Banda deseñada e Guillermo Domínguez de Ensaio Subversivo

O acto celebrouse este serán no compostelán IES Arcebispo Xelmírez I
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co IES e coa Asociación Cultural Colectivo Xelmírez na convocatoria destes certames
Xov, 21/06/2018 - 22:03

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de entrega dos premios do Certame de Banda deseñada AX1 e do Premio de Ensaio Subversivo Guillerme Domínguez, que tivo lugar na biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I. Ambos os certames chegan con esta á súa sexta edición, convocados por este instituto compostelán en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Asociación Cultural Colectivo Xelmírez.

Valentín García valorou a variedade temática e a calidade dos traballos gañadores, así como a diversa procedencia xeográfica dos seus autores, “mostras da vitalidade da creatividade en lingua galega entre os mozos e mozas das nosas vilas e cidades, así como da súa capacidade crítica”.

No acto, Valentín García estivo acompañado por Manuel Portas, director do IES Arcebispo Xelmírez I e presidente do Colectivo Xelmírez; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e presidente do xurado do Certame de Banda Deseñada AX1; Ana Alonso, directora do IES Arcebispo Xelmírez II e presidenta do xurado do Premio de Ensaio Subversivo Guillermo Domínguez, e Elia Vivero, viúva de Guillermo Domínguez. As actas dos premios foron lidas por Sagrario Torrado, secretaria de ambos os xurados e coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega do instituto.

Banda deseñada e ensaio

A gañadora do VI Certame de Banda Deseñada AX1 na categoría de 12 a 16 anos foi Delia Vázquez González, do IES Francisco Aguiar de Betanzos, pola obra O que ve. O segundo premio recaeu en Prexuízos virtuais, cuxa autora é Raquel Cambeiro Fernández, do IES As Insuas de Muros. Na categoría de 16 anos ou máis, fíxose co primeiro premio Isela Rodríguez Mascato por Triste inocencia e obtivo o segundo premio Anaïs Cerezal por Mosquitap. Ambas as estudantes proceden do IES Xunqueira I de Pontevedra.

No VI Premio de Ensaio Subversivo impúxose Guillermo Domínguez, do IES Rafael Dieste da Coruña, co traballo Poder, decadencia e acción na sociedade contemporánea. Sofía Fariña, do IES Universidade Laboral da Coruña, obtivo o segundo premio por Alguén nos pode sacar a liberdade? O xurado outorgoulle tamén unha mención especial a Sara Millán, do IES de Ames, polo ensaio Espellos, voces e fame.

Compromiso coa lingua galega

Os dous certames cuxos premios se entregaron hoxe convócanse anualmente dende o ano 2012 mercé á colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o IES Arcebispo Xelmírez I e a Asociación Cultural Colectivo Xelmírez, integrada por profesorado e alumnado do dito centro educativo. Os seus obxectivos son incentivar o espírito crítico entre a mocidade e dinamizar o seu compromiso coa nosa época e coa nosa lingua, así como fomentar o mundo da creación plástica como vía de expresión e manifestación da xente nova.