Os Bolechas volven ao FalaRedes cunha actividade de sensibilización lingüística e ambiental

Román Rodríguez e Ángeles Vázquez asistiron esta mañá ao espectáculo ‘Os Bolechas e o amigo Monte’, que inicia a xira en Monforte de Lemos e percorrerá este verán 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

O conselleiro de Educación explicou que esta actividade reúne dous compromisos, con mensaxes complementarias: coidar a lingua propia e o medio ambiente

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede

Sáb, 16/06/2018 - 13:30
Os Bolechas volven ao FalaRedes cunha actividade de sensibilización lingüística e ambiental

Os personaxes máis famosos da literatura infantil galega, os seis irmáns Bolechas e o seu can, volven un ano máis ao programa de promoción do galego FalaRedes, que a secretaría xeral de Política Lingüística leva adiante en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiron esta mañá á primeira función da actividade Os Bolechas e o amigo Monte, coa que esta simpática familia percorrerá 21 concellos da Rede este verán.

Román Rodríguez fixo fincapé en que esta actividade reúne dous compromisos que, nas súas palabras, “é moi importante que adquiran, xa desde idades novas, os máis pequenos: o compromiso coa lingua propia e co medio ambiente”. Tal e como trasladou, en ambos os dous casos compártese a mesma mensaxe, pois “falamos dun patrimonio vivo que debemos apreciar e transmitir á seguinte xeración”.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural celebrou que existan iniciativas coma esta para educar no coidado dos nosos montes en idades temperás. “Porque unha boa concienciación é básica para que nun futuro a sociedade entenda as súas responsabilidades neste eido”, declarou Ángeles Vázquez, e felicitou ao autor destes contos e dos correspondentes espectáculos, que sempre son un éxito entre o público. Porque entreteñen á vez que educan en temas tan importantes para Galicia como o sector forestal ou gandeiro, entre outros.

Sensiblización ambiental en 21 concellos da RDL

Un ano máis, a divertida familia Bolechas, referente galegofalante para os nenos e nenas de Galicia, percorre Galicia da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes cun espectáculo que promove a participación dos nenos e nenas na lingua propia de Galicia cunha nova e divertida aventura que servirá, ademais de para pasalo ben, para mostrarlles aos máis pequenos a importancia de coidarmos o monte e a maneira de facelo, iniciándoos na prevención dos incendios forestais. Para iso, Os Bolechas solicitarán a intervención do público en probas de habilidade axeitadas para rapaces de 3 a 9 anos e establecerán un diálogo con eles acerca do monte, da súa fauna e da súa flora.

Os Bolechas e o amigo Monte visitarán, desde este sábado 16 de xuño ao domingo 29 de xullo as localidades de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Corcubión, Cabana de Bergantiños, Teo, Lousame, A Coruña, Ramirás, Baiona, Vilaboa, Barreiros, Mondoñedo, Cangas, Chantada, Portas, Ferrol, Frades, Bande, Oímbra, Coristanco e Arzúa, todas elas adscritas á RDL. Para que a actividade de dinamización lingüística teña continuidade máis alá do día do espectáculo, os asistentes a el obterán unha palabra clave que lles permitirá acceder ao web www.lingua.gal/bolechas-amigo-monte, onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas...) e poderán participar en sorteos de lotes de libros. Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

190 entidades na rede

FalaRedes é un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL, que conta xa con preto de 190 entidades locais adheridas. Neste ano 2018, FalaRedes chega á súa sétima edición cos obxectivos de ampliar a oferta de ocio na nosa lingua e dotar os concellos de actividade en galego, de promover o seu uso e valoración social e de apoiar os artistas que desenvolven a súa creatividade na lingua propia de Galicia. Catro edicións anteriores do programa FalaRedes acolleron os espectáculos Os Bolechas na máquina do tempo, Os Bolechas e o sabichón, Os Bolechas van ás olimpíadas e De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas.

Menús News node R