Educación e Oca Hoteles poñen en marcha dous proxectos de FP Dual nos IES Sanxillao e Muralla Romana, en Lugo

Trátase do ciclo medio de Servizos en Restauración e do ciclo superior de Estética Integral e Benestar
Sáb, 16/06/2018 - 12:00

O alumnado dos IES Sanxillao e Muralla Romana (ambos en Lugo) terán á súa disposición o vindeiro curso dous novos proxectos de FP Dual, en virtude do convenio de colaboración asinado entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director  do Hotel Balneario OCA Augas Santas, Santiago Villanueva, en representación da empresa Inversiones Hoteleras de Galicia S.L. (OCA Hoteles).

Ao abeiro de dito convenio, durante dous cursos desenvolveranse estes proxectos de Formación Profesional Dual no Ciclo Medio de Servizos en Restauración no IES Sanxillao,  e no Ciclo Superior de Estética Integral e Benestar no IES Muralla Romana, con doce prazas para cada un deles. Ambos os dous comezarán a ofertarse o próximo setembro e estarán operativos durante dous cursos, é dicir, ata o 2019/20.

Ao longo destes dous cursos, o alumnado combinará a formación curricular no centro educativo coa complementaria que ofreza a propia empresa nas súas instalacións.

Desta forma, do total das 2000 horas das que se compoñen os ciclos, en torno á metade das mesmas serán de formación no centro e a outra metade restante corresponderase coas que pasen na propia compañía.

Ademais de financiar o proxecto a través dun sistema de bolsas, a empresa comprométese tamén a que durante o período en que se realice a formación nas súas instalacións, os estudantes terán garantido o aloxamento e a manutención durante a súa xornada laboral, así como os gastos de desprazamento de ida e volta para os dous períodos de formación, desde o seu domicilio habitual ata as instalacións da empresa. Así mesmo, os alumnos serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social, e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións por curso.