Uns 600 alumnos de centros plurilingües preséntanse este sábado ás probas para certificar o seu nivel de inglés

É a primeira vez que a Consellería de Educación habilita este procedemento para acreditar B1 ou B2 para o alumnado que finaliza Secundaria e Bacharelato
Esta proba é totalmente gratuíta para as familias
Os exames escritos realizaranse o día 16, mentres que os orais terán lugar entre o luns 18 e o venres 22
Mér, 13/06/2018 - 11:43

Un total de 600 alumnos e alumnas dos centros plurilingües de Galicia preséntanse este sábado, día 16, ás probas para certificar o nivel B1 e B2 de inglés do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Trátase da primeira vez que a Consellería de Educación habilita un procedemento deste tipo para que os estudantes que finalizan a etapa de ESO e de Bacharelato nalgún dos centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias.

Do total de alumnado inscrito para estas probas, a metade deles presentaranse ás probas para obter a certificación B1 e a outra metade aproximadamente para o B2. Cómpre destacar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular. Polo tanto esta iniciativa achega un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.

Esta iniciativa enmárcase dentro das liñas establecidas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, que establece, entre outras accións, a habilitación de procedementos específicos para certificar o alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), ou mediante entidades estranxeiras certificadoras, como é o caso das probas do sábado. O obxectivo final é que o 30% do alumnado certifique un nivel B1 ao remate da ESO nun centro plurilingüe, e un nivel B2 ao final do Bacharelato.

En Galicia hai actualmente un total de 322 centros plurilingües -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira–, logo de que por primeira vez no presente curso este modelo de ensino plurilingüe se ampliase ás etapas de infantil, bacharelato e Formación profesional (ata o curso pasado estaba presente en primaria e secundaria).

Lugares das probas

As probas constan de dúas partes, unha escrita que terá lugar o sábado día 16 e unha parte oral que se desenvolverá entre o luns 18 e o venres 22 de xuño.

Co fin de garantir a máxima operatividade posible, a distribución do alumnado para a proba escrita -que será entre as 10 e as 12 horas do sábado- fíxose tendo en conta o número de candidatos por zonas. Así, os lugares elixidos son o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) e o IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela); na provincia de Pontevedra serán o Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra e o IES Politécnico de Vigo; o CFR de Lugo e o CFR de Ourense.

As probas orais, do 18 ao 22, serán en horario de tarde en 26 centros repartidos a razón de 14 na provincia da Coruña, 2 en Lugo, 2 en Ourense e 8 en Pontevedra.