Román Rodríguez visita o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), cuxas instalacións se ampliaron para atender as novas demandas de formación profesional
Mar, 12/06/2018 - 17:11

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES Marco do Camballón, en Vila de Cruces, onde seu departamento levou a cabo unha importante ampliación de instalacións para atender as novas demandas de Formación Profesional.

A raíz da implantación do ciclo de “Atención a persoas en situación de dependencia”, este curso entraron en funcionamento dúas aulas taller para que o alumnado puidera realizar as correspondentes prácticas; aos que hai que sumar unha terceira aula e dous almacéns necesarios para gardar o material necesario.

Esta obra -que supuxo un investimento de preto de 267.000 euros- enmarcouse dentro do Plan de Infraestruturas 2016-2020, no que se inclúe un apartado específico para a ampliación e dotación de aulas e talleres coa finalidade de continuar coa implantación da FP Básica e de novos ciclos formativos.

O investimento total de Educación neste centro ascende a preto de 784.000 euros nos últimos anos, onde se acometeron reformas salientables como a reposición da cuberta, novos talleres, dotación de brazos e cabinas de soldadura e adaptación da rede eléctrica entre outros.

Ademais de ESO e Bacharelato, o IES Marco do Camballón imparte ciclos de FP de grao medio das Familias de fabricación mecánica (Soldadura e caldeirería), de Servizos a comunidade (Atención a persoas en situación de dependencia); e de FP Básica da Familia de Administración e xestión (Servizos administrativos).

Cómpre lembrar que este instituto conta tamén con programas educativos específicos impulsados pola Consellería como o Plambe (de Mellora de Bibliotecas Escolares), participa nos Clubs de Lectura e nos Contratos-programa (mellora das competencias clave matemática e comunicación lingüística, mellora da convivencia e promoción da igualdade, prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e mellora do nivel de coñecementos para a excelencia. Tamén participa na iniciativa Quérote+ do Plan Proxecta.