Educación galardoa 51 universitarios cos premios extraordinarios fin de carreira aos mellores expedientes académicos

O conselleiro Román Rodríguez salientou que estes estudantes representan a excelencia do Sistema Universitario Galego

Ven, 01/06/2018 - 13:45

Un total de 51 universitarios foron galardoados hoxe cos Premios Extraordinarios Fin de Carreira cos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñece cada ano os mellores expedientes académicos do Sistema universitario de Galicia (SUG).

Durante o acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou que estes mozos e mozas representan “a excelencia” do Sistema universitario galego, e constitúen “unha referencia” para os estudantes que entran cada ano na universidade. Neste senso, o conselleiro animounos a seguir pola senda da formación e do talento nas súas respectivas traxectorias profesionais; ao tempo que agradeceu o esforzo dos propios estudantes, dos seus profesores e tamén das familias, que souberon apoialos e guialos no camiño da excelencia.

Dos 51 galardoados cos premios fin de carreira para quen remataron os seus estudos no curso académico 2015/16, 16 correspóndense con estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 21 da Universidade de Vigo (UVigo), e 14 da Universidade da Coruña (UDC). Por xénero, 26 son mulleres e 25 homes.

Estes galardóns -que a Xunta convoca desde hai 25 anos- teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Así, ademais do premio económico de 3.000 euros, os galardoados reciben un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

No referido ao expediente académico, esixíase unha puntuación media igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades; Ciencias Sociais e Xurídicas; Ciencias; e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Desde a primeira vez que se convocaron os Premios Fin de Carreira, un total de 1.198 titulados do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio.