O Foro Enrique Peinador reúnese en Lestrobe para avanzar na galeguización da empresa

O secretario xeral de Política Lingüística participou neste encontro de traballo en que se presentaron propostas a prol da visibilidade e valoración da lingua galega no ámbito socioeconómico

Ven, 25/05/2018 - 17:34
O Foro Enrique Peinador reúnese en Lestrobe para avanzar na galeguización da empresa
O Foro Enrique Peinador reúnese en Lestrobe para avanzar na galeguización da empresa

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na xuntanza de traballo que os empresarios pertencentes ao Foro Enrique Peinador mantiveron no Pazo de Lestrobe para presentaren propostas e medidas que incidan na galeguización progresiva do ámbito socioeconómico.

Valentín García agradeceulle ao empresariado asistente o seu esforzo a prol da lingua galega, así como o feito de “seren un referente de éxito que anime a outros a sumarse á incorporación ou á potenciación do galego no seu negocio”. Ademais, animouno  a seguir traballando porque “agora contamos cunha ferramenta máis para facer efectivos os vosos esforzos e coordinalos cos que se fan desde outras entidades: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico que a Xunta de Galicia ten en marcha desde 2016”.

Á xuntanza do Pazo de Lestrobe acudiron representantes das empresas Pescanova, Mecadis, Rodríguez López Auto, Apetamcor, Destilerías Compostela, Asociación Provincial Empresas Fúnebres de Ourense, Arias Construcións, Celtic Estores, Grupo Academia Postal, Itelsis e Progando. Tamén participaron o presidente do foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e o reitor en funcións da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey.

Foro Enrique Peinador

O Foro Enrique Peinador é unha institución que aspira a fomentar o uso do galego no ámbito económico, considerado estratéxico e determinante para o futuro da lingua. Para conseguilo, aspira ao diálogo e á implicación do empesariado, as autoridades públicas, o mundo financeiro, a sociedade civil, a comunidade universitaria e os centros de investigación.

Menús News node R