As editoriais xa poden solicitar as axudas á edición de recursos didácticos curriculares en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca esta liña de subvencións para o ano en curso cunha dotación económica de 170.000 euros
A convocatoria prioriza por primeira vez os materiais curriculares e complementarios destes destinados ao alumnado con necesidades específicas, así como os dirixidos á formación profesional específica
Lun, 14/05/2018 - 20:42

As empresas mercantís do sector editorial poden solicitar desde, o 12 de maio e ata o 11 de xuño, as axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar esta convocatoria anual, coa que a Administración autonómica impulsa o uso do galego no ensino cunha dotación económica de 170.000 euros, que mantén o consignado en exercicios anteriores, baixo o réxime de concorrencia competitiva.

De entre os criterios de concesión e valoración das propostas, establécense como prioritarios, por primeira vez, os materiais curriculares e complementarios destes destinados ao alumnado con necesidades específicas, así como os dirixidos exclusivamente á formación profesional específica (estudos conducentes á obtención dun título de ciclo formativo de grao medio ou superior), que obterán un incremento final da puntuación global dun 20 % sobre a acadada nos outros criterios.

O texto íntegro pode consultarse no Portal da Lingua Galega e en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180511/AnuncioG0164-300418-0009_gl.html .

Oferta ampla de materiais para o ensino en galego

O obxectivo da convocatoria é garantir unha oferta ampla e con calidade científica e pedagóxica de material educativo en galego no ensino regrado, de xeito que –ao tempo que se favorece o tecido da industria editorial galega- se facilite o uso vehicular desta lingua nas aulas e a aprendizaxe no idioma propio de Galicia por parte do alumnado.

Coa publicación destas axudas dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega. Asemade, estas disposicións materializan a recomendación do Plan xeral de normalización da lingua galega de promover recursos educativos “en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.

Proxectos subvencionables

Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais. A estes efectos considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia, incluída a formación regrada de adultos.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, a edición de material didáctico para o nivel universitario, os libros de bibliófilo, as publicacións de difusión gratuíta, as obras que non sexan primeira edición, os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, e os libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

Os proxectos editoriais presentados a estas subvencións serán valorados en función de tres parámetros: a orixinalidade da obra, primando as de creación propia sobre as adaptacións e as traducións; a súa calidade, medindo a adecuación dos materiais didácticos ao currículo establecido en función das actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecementos do alumnado, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade galega, da calidade de lingua e da adaptación desta ao nivel académico do estudantado; e o feito de que se trate de materiais curriculares destinados exclusivamente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou á formación profesional específica.