Política Lingüística e a UVigo entregan os premios de poesía, relato curto e tradución literaria

As dúas institucións recoñecen a calidade lingüística e a creatividade do alumnado no marco da celebración das Letras Galegas 2018
Noa Rodríguez, Francisco Javier Fernández e Manuel Arca recibiron hoxe os seus premios nun acto no que participou o secretario xeral de Política Lingüística
Lun, 14/05/2018 - 20:39

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Vigo (UVigo) entregaron hoxe pola mañá os Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria 2018, no marco da celebración das Letras Galegas e do convenio de colaboración asinado polas dúas institucións en materia de normalización lingüística. Os galardóns, que recolleron Noa Rodríguez Méndez, polo poemario As espiñas do ourizo; Francisco Javier Fernández Davila, polo relato K.A.R.M.A.; e Manuel Arca Castro, pola tradución dun texto de Raymon Carver, recoñecen a calidade lingüística e a creatividade do alumnado.

No acto de entrega participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o reitor en funcións, Salustiano Mato; a filla de María Victoria Moreno, Begoña Llácer; a profesora Ana Acuña e o director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Paulo Cabral.

Ademais destes primeiros premios en cadansúa categoría, dotados cunha contía de 700 euros, o xurado outorgou dous accésit de 250 euros en cada unha das modalidades: en poesía a Francisco Javier Fernández Dávila, por Dama de auga, e a Nicolás Vázquez Ben por Seis paseos; en relato curto a Lucía del Río González, por Unha muller é unha muller; e a Xosé Sobral, por O dominio da auga; e en tradución literaria a Moncho Iglesias Míguez e a Nancy Cuquejo Araújo, por senllas traducións de textos de Rupi Kaur e Chantal Cahour, respectivamente.