Educación abre as negociacións cos sindicatos sobre a homologación salarial docente
Lun, 14/05/2018 - 15:28

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre este mércores as negociacións coas organizacións sindicais para debater sobre unha futura homologación salarial docente en relación co resto das Comunidades Autónomas.

A Consellería acaba de convocar para pasado mañá a Mesa Sectorial Docente non Universitaria (da que forman parte as organizacións CIG, FeSP-UGT, CCOO, e ANPE), cun único punto na orde do día, que é a mencionada homologación retributiva.

Deste xeito Galicia convértese na primeira CCAA do Estado en iniciar unha negociación salarial no eido educativo, xa que o último acordo deste tipo en Galicia data do ano 2006.

Por tanto, logo de máis dunha década, o Goberno galego considera que -dada a situación actual- é o momento de abrir un diálogo respecto ás melloras salariais dos docentes galegos, un piar que a Consellería considera clave para avanzar na calidade do noso sistema educativo.