Educación e Carpintería Ramón García poñerán en marcha un proxecto de FP Dual no CIFP Politécnico
O conselleiro Román Rodríguez e o representante da empresa Manuel García asinan o primeiro convenio de colaboración nesta modalidade, que alterna formación no centro educativo con formación en empresa
O proxecto poñerase en marcha o próximo curso 2018/19 no ciclo de grao medio de Carpintería e Moble e beneficiará, como mínimo, a 16 alumnos e alumnas, que recibirán unha bolsa económica mensual
Lun, 14/05/2018 - 13:15

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o conselleiro delegado da empresa Carpintería Ramón García, Manuel García Gómez, asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha un novo proxecto de FP Dual no CIFP Politécnico de Santiago. En concreto, esta iniciativa dual desenvolverase no ciclo de grao medio de Carpintaría e Moble  e comezará xa este vindeiro curso 2018/19, con extensión ata o 2019/20.

Cómpre destacar que, con esta modalidade formativa, o alumnado alterna a súa formación no centro educativo con práctica na empresa. Deste xeito, os estudantes adquirirán formación no CIFP durante os dous primeiros trimestres de cada un dos cursos, mentres que a estadía na empresa se estenderá ao longo de parte do segundo e terceiro trimestres.

A empresa acollerá nas súas instalacións a un mínimo de 16 alumnos e alumnas e colaborará na súa selección, podendo realizar entrevistas psicoprofesionais e probas de coñecementos que permitan identificar a idoneidade dos candidatos en relación co perfil profesional que adquirirán na empresa ao longo do período.

Así mesmo, Carpintería Ramón García tamén se compromete a financiar o proxecto a través  dun sistema de bolsas, cun importe mínimo de 600 euros/mes durante os meses nos que a actividade formativa e profesionalizadora se realice integramente nela. Ademais, os alumnos serán incorporados ao réxime xeral da Seguridade Social e disporán dun mínimo de 30 días naturais de vacacións por curso.

No acto de sinatura tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa da Consellería, Manuel Corredoira; e o director do centro educativo, José Manuel Leis.

Oportunidade para alumno e empresa

Tal e como destacou o conselleiro, un dos obxectivos estratéxicos no ámbito da Formación Profesional pasa por impulsar a FP Dual, posto que é sinónimo de “empregabilidade, de profesionais altamente formados e de maior competitividade para o sector empresarial”, destacou. Neste sentido, a modalidade Dual beneficia tanto ao alumno como á empresa: ao alumno porque coñece de preto espazos de traballo reais, e á empresa porque ten a oportunidade de formar aos mozos segundo as súas necesidades e particularidades, favorecendo así a súa futura inserción laboral.

Román Rodríguez tamén quixo agradecer a confianza depositada por Carpintería Ramón García na FP galega, dado que se trata do primeiro proxecto de FP Dual asinado con esta empresa coruñesa, con instalacións en Mesía e Ordes, que conta con equipamento de alta tecnificación.

Máis de 70 matriculados no CIFP Politécnico

No caso do CIFP Politécnico de Santiago, no curso actual 2017/18 estanse desenvolvendo sete proxecto de FP Dual en colaboración con catro empresas, nos que hai máis de 70 matriculados. Cómpre lembrar que, en toda Galicia, este curso arrincaron 29 ciclos de FP Dual, tres dos cales se ofertan por primeira vez como dobre titulación.