Román Rodríguez entrega os premios extraordinarios de ESO ao rendemento e ao esforzo e superación persoal

Un total de 40 estudantes recolleron os galardóns, correspondentes ao curso 2016/17, nun acto celebrado na Cidade da Cultura
Ven, 11/05/2018 - 13:18

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a entrega dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria (ESO) ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal a un total de 40 estudantes das catro provincias galegas. Os galardóns, que os premiados recibiron nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, correspóndense co curso 2016/17.

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou o día de hoxe como unha xornada de orgullo, tanto para o alumnado “polo voso traballo, motivación e ganas, que son as claves que vos fixeron chegar ata aquí”, como para as familias, “piar fundamental sobre o que se constrúe o éxito dos alumnos”. Tamén para os profesores, dos que resaltou a súa calidade e compromiso coa excelencia educativa. Así mesmo, salientou que a Administración educativa celebra estes galardóns como un éxito compartido, “pois sodes a razón de todo o noso esforzo e o principal indicador da calidade do sistema”.

Román Rodríguez felicitou a todos os premiados por seren un exemplo, e destacou a importancia da inclusividade na escola, na que Galicia é un exemplo, cun 91% do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo integrado no ensino ordinario. O conselleiro rematou comprometéndose a seguir traballando para que “o noso sistema educativo siga acadando as cotas de excelencia e equidade que hoxe representan os galardoados”.

Na modalidade de rendemento académico os galardoados foron Ismael Aguirre Álvarez, do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo); Tomás Alcalde López, do CPR Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela); Claudia Álvarez Costas, do IES Carlos Casares (Vigo);  Fernando Apolinar Rodríguez, do CPR Plurilingüe Santo Ángel (Ourense); Rosa do Carme Araújo Castelo, do IES Valle-Inclán (Pontevedra); Juan Bas Fernández, do CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo); Alejandra Calvo García, do IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela); Ada Freire Vázquez, do IES Valle-Inclán (Pontevedra); María Gálvez Marque, CPR Eiris (A Coruña); Manuel Francisco Lamela Gómez, do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba); Alejandra López Sánchez, do  CPR Plurilingüe Divina Pastora (Lugo); Mario Padrón Tardáguila, do CPR Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela); Javier Polo Noche, do           CPR Plurilingüe Compañía de María (Vigo); Laura Portela Couñago, do IES Pedro Floriani (Redondela); Yolanda Rodríguez González, do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); Andrea Rojas Novoa, do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense); Sofía Santos Ulloa, do IES Lucus Augusti (Lugo); Miguel Serra Serrano, do IES Salvador de Madariaga (A Coruña); Roberto Tato Lage, do CPR Plurilingüe La Inmaculada (Ponteareas); e Andrés Vázquez García, do IES Lama das Quendas (Chantada).

Na modalidade de esforzo e superación persoal, polas características particulares do recoñecemento non se difunden publicamente os nomes dos galardoados, que están identificados por un código alfanumérico.

O obxectivo destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Nova convocatoria

Coincidindo con este acto de entrega, a Consellería vén de publicar o Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2017/18, aos que poderá optar o alumnado que cursara neste ano académico cuarto curso de ESO en Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en ESO e que teña obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9 puntos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 6 de xullo de 2018. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e, opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O alumnado deberá realizar unha proba, o día 6 de setembro de 2018, que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade. En total poderanse conceder ata 20 premios, cada un deles dotado con 750 €.