O CEIP Xesús San Luís Romero recibe o Premio Concurso-Exposición Letras Galegas infantil e primaria

O centro carballés impúxose na súa categoría co proxecto “Victoria Moreno, mestra con alma”, cuxos carteis se exhiben en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior para conmemorar o 17 de maio
A lámina titulada 'A prol da igualdade' visibilizarase nos establecementos de Vegalsa-Eroski no marco da campaña conmemorativa das Letras Galegas impulsada en colaboración coa Xunta
Ven, 11/05/2018 - 12:18

O CEIP carballés Xesús San Luís Romero acolleu hoxe pola mañá o acto de entrega do Premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 na categoría de educación infantil e primaria, que gañou co proxecto “Victoria Moreno, mestra con alma”. A súa colección de láminas e materiais didácticos distribuíuse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior (concellos, bibliotecas, lectorados e centros de estudos galegos, universidades europeas e americanas, centros galegos e casas de Galicia) para conmemorar o 17 de maio no marco da programación institucional da Xunta de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega no centro, no que García Gómez recordou que se trata dun galardón “que ten por obxectivo implicar a comunidade educativa na celebración do 17 de maio para poñer en valor e divulgar a vida, a obra e a época da figura homenaxeada polas Letras Galegas”. Canda eles tomaron parte na entrega o presidente de Feiraco e viceperesidente de  Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), José Montes Pérez; e o alcalde, Evencio Ferrero Rodríguez.

Recoñecemento, premio e difusión para o proxecto gañador

O grupo de profesorado e de alumnado que elaborou a mostra “Victoria Moreno, mestra con alma” recibiu un cheque por valor de 2000 euros, outro intercambiable por produtos lácteos da marca Feiraco e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado implicado no desenvolvemento do traballo obtivo unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (ou 30, no caso do coordinador do proxecto).

Para alén da distribución dos materiais en máis de 2000 puntos do exterior, a lámina titulada “A prol da igualdade” foi a elixida este ano para visibilizar o 17 de maio desde a campaña Letras Galegas 2018 de Vegalsa-Eroski, na que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional impulsada pola Xunta, nos establecementos da cadea de distribución alimentaria durante a semana das letras galegas.

O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Mª Victoria Moreno, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir. As láminas, a guía didáctica, o marcapáxinas e a regra que configuran este proxecto escolar poden verse e descargarse de balde en www.lingua.gal/dia-letras-galegas.

Orixinalidade técnica e estética, pictogramas e códigos QR

Os carteis que conforman a exposición “Victoria Moreno, mestra con alma”do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo -gañadora na modalidade de ensino infantil e primario- foron elaborados polo alumnado con diversos materiais e técnicas. O resultado, en opinión do xurado, é “unha serie de carteis dunha gran beleza e calidade plástica, moi orixinais e innovadores, ao incluír códigos QR que animan o alumnado e o profesorado a ampliar a información sobre a autora homenaxeada e pictogramas, para favorecer a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais. A cabeza e as pegadas da cadela Alma, que é tamén a sorprendente voz narradora, danlle unidade ao conxunto”.