44 estudantes londinenses chegan a Santiago para perfeccionar o seu galego
Trátase de alumnado de secundaria que estuda a lingua propia de Galicia no IE Cañada Blanch da capital británica
Os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración recibíronos esta tarde no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura
Mér, 09/05/2018 - 21:44

Os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García Gómez e Antonio Rodríguez Miranda, recibiron esta tarde no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura 44 estudantes do instituto londinense Cañada Blanch que, tras cursaren a materia de Galego no seu centro educativo, veñen ata a nosa comunidade para perfeccionar os seus coñecementos de lingua e tomar contacto directo coa cultura do país.

Valentín García deulles a benvida aos rapaces e rapazas británicos e animounos “a terdes estes días os ollos e os oídos ben abertos para aproveitardes a viaxe e aprenderdes o máis posible, o que non é incompatible con pasalo ben”. O secretario xeral de Política Lingüística puxo os estudantes londinenses como exemplo para esa mocidade galega “que non se atreve a falar a lingua propia de Galicia porque non se sente segura empregándoa”. “Vós, con moito menos contacto co galego ca eles, con moitas menos ocasións para practicalo, podedes explicarlles que o importante é perder a vergoña e dar o paso e que despois, falando falando, é como se vai adquirindo máis dominio e seguridade”, asegurou García Gómez.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda animou a todos os galegos residentes no exterior a aprender unha lingua que, “ademais de ser a que deu orixe a todo un universo cultural, o galego, dunha importancia incuestionable, é a da vosa orixe”. “E será, ademais, esa mesma lingua a que se converta no voso máis valioso aliado no caso de que decidades regresar á terra dos vosos pais e avós para construír nela o voso futuro persoal o laboral”, engadiu o secretario xeral da Emigración, “e o que vos permita integrarvos en igualdade de condicións co resto de galegos”.

Á recepción do alumnado londinense acudiu tamén a subdirectora de Política Lingüística María Lourdes Batán Aira.

Viaxe de estudos

Os 44 estudantes londinenses con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos de idade que foron recibidos hoxe na Cidade da Cultura son parte dos 87 alumnos e alumnas que cursaron este ano a materia de Galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres.

Chegaron onte a Galicia acompañados da súa profesora Begoña González nunha viaxe de estudos, patrocinada polas secretarías xerais de Política Lingüística e da Emigración da Xunta, que permite mellorar as súas habilidades lingüísticas e o seu coñecemento cultural tanto durante a fase de planificación como durante a de execución. O programa combina  actividades na natureza, culturais e o encontro con rapaces e rapazas galegos do seu tempo, cos que os londinenses teñen ocasión de falar e mellorar o seu coñecemento de lingua. Os adolescentes británicos farán parada entre o 8 e o 12 de maio en Santiago, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, Pontevedra, o Monte Pindo, Ézaro, Carnota, Muros, o mosteiro de Carboeiro ou as Fervenzas do Toxa.

Galego en Londres

As clases de galego en Londres puxéronse en marcha hai máis de 25 anos cun convenio entre a Xunta e o Ministerio de Educación xurdido para darlles resposta ás necesidades dunha forte comunidade emigrante en Londres. Con todo, actualmente cursa esta materia, a canda alumnado de familias galegas, outro que non ten máis vencello con Galicia ca o interese que esperta nel o noso idioma e cultura.

As clases de galego no Cañada Blanch van máis alá das aulas. Arredor delas xurdiu o proxecto Galego en Londres, que involucra a comunidade galega de Londres, visitantes habituais no instituto. As clases saltan os muros do centro educativo a través das múltiples actividades que impulsan para dar testemuño dunha Galicia punteira nos eidos artístico, científico e profesional. Todas elas pódense consultar no blog Fala Londres e a través das redes sociais baixo o nome de Galego en Londres (Facebook, twitter e instagram).