A Cidade da Cultura acolle unha nova edición do InquEDU para debater, divulgar e reflexionar sobre innovación educativa

O 25 e 26 de maio, ‘InquEDU. Falemos de educación’ proponse compartir inquedanzas, divulgar ideas e fomentar o debate e a reflexión sobre a educación con toda a comunidade educativa: mestres, estudantes e familias
Ideas frescas, iniciativas innovadoras e novos enfoques e metodoloxías educativas no ensino xeral e artístico serán protagonistas das presentacións e charlas
Presentarase tamén o espectáculo ‘Aprender por arte de maxia’ que adapta recursos e ferramentas dos magos ao contexto pedagóxico das aulas
Ven, 04/05/2018 - 12:13

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Galicia Sustentable celebran na Cidade da Cultura de Galicia unha nova edición do InquEDU: Falemos de Educación, un encontro para compartir iniciativas, divulgar ideas e proxectos pedagóxicos innovadores, así como fomentar o debate e a reflexión sobre novas propostas educativas.

O encontro, que se enmarca na programación desenvolvida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, terá lugar os vindeiros 25 e 26 de maio e está dirixido a toda a comunidade educativa, tanto estudantes, como mestres e familias. A cita estrutúrase en dúas partes, cunha primeira xornada enfocada á asistencia de rapaces e rapazas en idade escolar, e outra segunda dirixida a todo tipo de público, nomeadamente educadores e nais e pais. Todos os contidos son de acceso libre e de balde, previa inscrición en www.inquedu.org.

Un dos contidos máis atractivos desta edición, que terá lugar na tarde do sábado, é o espectáculo Aprender por arte de maxia, que adapta recursos e ferramentas empregadas nos shows de maxia para mellorar a experiencia nas aulas, tanto a nivel emocional como curricular. Trátase dunha iniciativa desenvolvida por Carlos Pastor  e Chema de la Torre, que crearon un proxecto docente sobre como algo pode resultar absolutamente imposible de entender ou totalmente trivial en función dos pasos concretos á hora de transmitilo. Estes magos, enxeñeiros e docentes modelaron como se crea, se representa e se explica un xogo de maxia e como aplicar o mesmo proceso para transmitir conceptos considerados tradicionalmente “dos máis difíciles” na aula.

Novas experiencias e metodoloxías educativas

O programa do inquEDU arrancará na mañá do venres cunha charla de Sandra Touza, emprendedora especializada no sector turístico e unha das participantes no proxecto educativo Edumotiva, dirixido a ofrecer aos centros de ensino non universitario experiencias de persoeiros de recoñecido prestixio e relevancia na sociedade galega e que destacan en diferentes campos profesionais.

Ao longo da mañá, subirán ao escenario do Museo Centro Gaiás as propias rapazas e rapaces dos centros educativos gañadores do concurso escolar ComunicaTedu, dirixido a impulsar as competencias orais activas, que compartirán co resto de asistentes a súa experiencia e o seu discurso. Pechará esta xornada unha segunda conferencia do proxecto Edumotiva, dun persoeiro galego aínda por confirmar.

Os estudantes asistentes poderán tamén gozar do espectáculo Sira e o Robot, unha ópera pop futurista que irmanda galego e inglés, da man de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira. O proxecto constitúe un achegamento lúdico e didáctico ao inglés, que esperta grande interese entre escolares e persoas adultas. A condución de toda a xornada correrá a cargo do actor, cantante e animador sociocultural Luís Vallecillo.

Integración a través da música ou a cidade do futuro 

Xa na tarde do sábado, máis enfocada a público adulto, compartiranse novos enfoques, ideas frescas e iniciativas innovadoras que se están a desenvolver en centros escolares de Galicia, así como novas tendencias en innovación educativa a nivel internacional. Neste sentido, a profesora titular da Universidad Complutense de Madrid e responsable de Innovación no Rosan Bosch Studio, María Acaso, falará do seu traballo enfocado a evidenciar a falta de innovación do sistema educativo actual, e a desenvolver novas metodoloxías e prácticas na educación xeral e artística. Acaso é unha das voces de referencia en España e América Latina dentro da denominada ‘Revolución Educativa’.

Por outra banda, o cantante, docente e director de coros, Ramón Bermejo, abordará a música como disciplina fundamental na educación infantil e como vehículo de integración na aula. Será a través da súa experiencia dirixindo a un milleiro de nenas e nenos que cantaron en Navantia (Ferrol) a canción "Chea de vida" con Guadi Galego e Guille Fernández. Apaixonado pola música vocal, Bermejo liderou destacados grupos e fundou O Coro da Ra, primeiro en Galicia en facer música moderna, con xa un cuarto de século de traxectoria.

Tamén a arquitecta Sandra González compartirá cos asistentes a súa experiencia como coordinadora e ideóloga do proxecto educativo "A Vila do Mañá". Estes obradoiros, concibidos para que a cativada deseñe a súa cidade ideal, buscan que o alumnado tome conciencia de temas como o patrimonio, o urbanismo ou a paisaxe.

Por último, a mestra de educación primaria Laura Lorenzo abordará a experiencia do día a día da innovación nos centros educativos, partindo do seu labor docente como coordinadora de proxectos de innovación e aprendizaxe cooperativa na aula.

‘Entrevista con...’

No marco do evento, e baixo o epígrafe ‘Entrevista con...’o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compartirá cos asistentes a súa experiencia e visión sobre innovación educativa e educación innovadora, como docente e tamén como pai de familia. A entrevista estará conducida polo comunicador, showman e director teatral Vicente Mohedano, que será tamén o encargado de pechar cun sorprendente “discurshow didáctico” este inquEDU 2018.

Nas páxinas web da Cidade da Cultura –www.cidadedacultura.gal– e do inquEDU –www.inquedu.org– pódese consultar polo miúdo toda a información sobre o evento, o programa, así como realizar a inscrición a cada unha das xornadas.