Educación, Fundación María José Jove e INGADA renovan a colaboración a través da cal levan formados 700 docentes na atención a alumnado con TDAH

Lun, 30/04/2018 - 12:08

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de renovar a colaboración iniciada en 2014 coas fundacións María José Jove e INGADA para a formación do profesorado na atención ao alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente da Fundación INGADA, Ángel Carracedo, asinaron esta mañá a addenda para levar a cabo a quinta edición deste programa formativo para o vindeiro curso 2018/19, e que estará dispoñible para un máximo de 350 docentes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Ao acto asistiu tamén o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

A finalidade desta iniciativa é aportar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa integración. Ao abeiro da mesma lévanse formado máis de 700 docentes no conxunto das catro edicións do programa que se realiza a través da Rede de Formación do Profesorado da Consellería.

Precisamente como novidade este ano, -ademais do incremento de prazas ofertadas (que se elevan a 350 con respecto ás 200 da pasada edición), achégase esta formación a todo o ámbito autonómico, xa que se garante a oferta dos cursos nos sete centros de formación do profesorado da Consellería nas catro provincias (os CFR da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo; e no CAFI de Santiago), ademais de na sede da Fundación María José Jove. Así mesmo, mantense a posibilidade de formación en liña a través dunha oferta a distancia que se implantou por primeira vez no curso 2016/17, con acceso a contidos e recursos.

O conselleiro Román Rodríguez subliñou que acordos de colaboración coma este son moi importantes para avanzar nunha das liñas estratéxicas do seu departamento como é avanzar nun sistema educativo máis inclusivo e equitativo, que garanta a igualdade de oportunidades para todos.

O titular de Educación sinalou que a formación do profesorado constitúe un piar esencial para garantir a atención especializada a cada alumno. Por iso, a Consellería deseña un Plan anual de Formación do Profesorado, cun apartado específico para a atención á diversidade. A día de hoxe dous de cada dez profesionais do noso sistema educativo son especialistas nesta atención.

Así mesmo, nos últimos anos estanse implementando ferramentas e programas de apoio educativo específico como son diversos protocolos, entre eles o de TDAH, para os cales é preceptivo contar co apoio e o asesoramento dos profesionais das entidades especializadas en cada ámbito.

Neste senso, Román Rodríguez aproveitou para agradecer a xa consolidada colaboración tanto da Fundación María José Jove como da Fundación INGADA no ámbito da atención á diversidade; e que se reforza cunha Guía específica desenvolvida polos profesionais do Instituto Galego do TDAH que dirixe Ángel Carracedo .

Formación teórica e práctica

O programa formativo consta de 25 horas de formación teórica e práctica impartida por un equipo multidisciplinar formado por profesores, pedagogos, psicólogos, logopedas, expertos en aspectos clínicos e prevención. Todos estes profesionais abordarán aspectos como os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula, ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.

Os docentes que participan no programa formativo deberán presentar un proxecto final que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso. Posteriormente, as fundacións María José Jove e INGADA convocan unha beca, dotada con 3.000 euros, para o proxecto seleccionado polo comité avaliador.