Política Lingüística colabora con PuntoGal nunha campaña con motivo do Día do Libro

12.000 marcapáxinas que animan á lectura e ofrecen un dominio .gal por só 15 € chegarán entre o 23 de abril e o 31 de agosto a case duascentas librarías e a todas as feiras do libro de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá en Ferrol na presentación desta iniciativa na que se implicaron tamén a Federación de Librarías de Galicia e o IES Leixa, cuxo alumnado deseñou os marcapáxinas
Ven, 20/04/2018 - 15:35

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no IES Leixa de Ferrol, na presentación da campaña da Asociación PuntoGal con motivo do Día do Libro, que se celebrará o próximo 23 de abril. A iniciativa conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Federación de Librarías de Galicia e do IES Leixa e consiste na distribución de cinco orixinais marcadores deseñados polo alumnado deste centro educativo para animar a ler e para estender o uso dos dominios .gal. Cada marcapáxinas inclúe un código que rebaixa o prezo dun dominio .gal a tan só 15 € + IVE.

No acto de presentación, o secretario xeral de Política Lingüística sinalou que “unir o libro e os dominios .gal de internet é xuntar nun mesmo proxecto dous dos axentes máis importantes da cultura galega e en galego, un de tan longa tradición como prometedor futuro e outro que representa a innovación e a extensión da nosa lingua aos novos espazos de comunicación xurdidos nas últimas décadas”.

A canda Valentín García, interviñeron na presentación desta iniciativa o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira e a directora do IES Leixa, Ana María Roel, que actuou como anfitrioa.

12.000 marcapáxinas que unen a lectura e internet

As 12.000 copias de marcapáxinas que integran esta campaña distribuiranse en todas as feiras do libro de Galicia e en case duascentas librarías galegas. Incoporan, en forma de código, a posibilidade de obter un dominio .gal por só 15€ + IVE. Desta maneira, únese nunha mesma acción a lectura e internet , fórmula elixida polos organizadores para celebrar o próximo Día do Libro. Ata fin de existencias, os compradores recibirán un marcapáxinas con cada exemplar adquirido nos establecementos sumados á iniciativa.

A promoción comeza este mesmo 23 de abril e estará activa ata o 31 de agosto. Os códigos poden validarse en calquera das dúas empresas rexistradoras que participan: Dinahosting e CdMon. Toda a información pódese atopar na web do dominio .GAL: www.dominio.gal/promocions.

Participación dos estudantes

Arredor de vinte estudiantes do IES fixeron as súas propostas para animar á lectura, dos que PuntoGal seleccionou cinco modelos finalistas. Os cinco marcapáxinas escollidos, que poderán descargase xunto co resto dos presentados polos estudantes na web de PuntoGal (asociacion.gal), son da autoría de Julio Santiso Barreiro, Aida Bao Estévez, Tamara Álvarez Castro, Natalia Romero Díaz e Borja Rey Estévez.