Educación abre a convocatoria para que 7 centros públicos se incorporen a Programa Educación Responsable
O proxecto desenvólvese en colaboración coa Fundación Botín
Sáb, 14/04/2018 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria para que sete centros públicos galegos se incorporen o vindeiro ano ao Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín e que ten como obxectivos, ademais de desenvolver as competencias que lle dan nome, promover a comunicación e mellora da convivencia nos centros docentes a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

Este é un proxecto centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, e está dirixido ao alumnado con idades comprendidas entre 3 e 16 anos. Entre os obxectivos figura o uso da propia competencia emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral; ou a mellora do clima de convivencia e o éxito escolar, entre outros.

O programa implántase nos centros ao longo de tres anos. Unha vez rematado os tres anos si os centros cumpriron o compromiso de utilizar todos os recursos que conforman  o programa, considéranse  centros graduados que poden seguir formando parte da rede de centros Educación Responsable.

Para a adecuada implantación e dinamización do programa é necesaria a implicación e participación do profesorado. Por iso, a iniciativa contempla a certificación da formación adquirida ao longo do proxecto e implica a participación do centro na convocatoria dos Proxectos de Formación en Centros (PFPP) que convoca a Consellería.

A solicitude de participación deberá realizala o director do centro. O prazo de presentación remata o día 28 de maio de 2018. Toda a información da convocatoria pode consultarse no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24677 .

Evolución do programa

O programa Educación Responsable implantouse como experiencia piloto nos cursos 2014/15 e 2015/16. No 2016/17 incorporáronse 8 centros a través de convocatoria pública e no actual ano académico están a desenvolver este proxecto un total de 19 centros galegos. Así, están xa no 3 ano de implantación o CEIP Seis do Nadal (Vigo), o CEP Marcos da Portela (Pontevedra), o IES de Monterroso, o CPR Grande obra de Atocha (A Coruña) e o CEIP Xaquín Lorenzo Xocas (Bande). Pola súa parte, a iniciativa está no seu 2º ano de implantación nos CEIP Salgado Torres (A Coruña), Carrasqueira (Vigo), de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e Otero Novas (Cortegada), no CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso (Noia) e no IES Mestre Landín (Marín). Así mesmo, desenvolven o programa por primeira vez  presente curso os CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), Flavia (Padrón), de Cedeira (Redondela) e de Laredo (Redondela), o CEIP Plurilingüe de San Pedro de Visma (A Coruña) e os IES Fernando Branco (Cee), Xograr Afonso Gómez de Sarria e A Pinguela (Monforte).

Deste xeito, no curso 2017/18 Educación Responsable implica a un total de 4703 alumnos e 347 docentes.

Ademais, seis centros de ensino que xa remataron a implantación do programa seguen a desenvolver este enfoque didáctico e forman parte da rede de centros Educación Responsable, en concreto os CEIP de Roxos (Santiago de Compostela), Sofía Casanova (Culleredo) e Chans-Bembrive (Vigo), o CRA Ponte da Pedra (Carballo), o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados) e o CPR San José (Pontedeume)

Actualmente forman parte da rede Uruguai, Chile e as comunidades autónomas de Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Galicia, Castela e León.