Programas Europeos. Oferta de novos TCA do sector escolar: Seminarios de contacto e visitas
Ven, 13/04/2018 - 09:56

No sitio web do SEPIE http://www.sepie.es/, a Axencia Nacional de Erasmus +, oferta novas prazas para participar nas Actividades de Cooperación Transnacional (Seminarios de contacto e visitas, chamadas TCA), que terán lugar en diferentes cidades de Europa durante os meses de maio e setembro de 2018, para o sector da Educación Escolar (ensinanzas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato).

As Actividades de Cooperación Transnacional (Seminarios de contacto e visitas de estudo) teñen por finalidade axudar ás institucións e aos centros educativos dos países a entrar en contacto e desenvolver un plan de traballo con outros centros e institucións europeas que desexen intercambiar experiencias, colaborar en proxectos de mobilidade e/ou establecer unha Asociación Estratéxica; é dicir participar en proxectos europeos futuros conxuntos de Erasmus+.

Os TCAs ofertados son os seguintes:

a) TCA: Creative Methods for Facilitating Learning

Destinatarios: profesionais de educación primaria e secundaria interesados en desenvolver destrezas en educación non-formal. Os solicitantes deben estar interesados en traballar en proxectos dentro do programa Erasmus+.

Prazas: 1-2 prazas do sector de educación escolar

Obxectivos: orientar e apoiar ós participantes no coñecemento da aprendizaxe non-formal e desenvolvemento de destrezas que faciliten a aprendizaxe a través de métodos creativos e non formais. 

Data e lugar de celebración: 17-19 de maio de 2018, en Dublín (Irlanda)

Prazo de envío de formularios: ata 16-04-2018 2018 (12:00, hora de Bruxelas)

b) TCA: Inclusive Education – a Road to social Inclusion

Destinatarios: docentes e equipos directivos de centros educativos (con alumnado de 10 a 14 anos) interesados en participar en proxectos de asociacións de intercambio escolar (KA229) dentro do Programa Erasmus+ relacionados coa educación inclusiva.

Prazas: ata 3 prazas para institucións do ámbito de educación escolar.

Obxectivo: o obxectivo do seminario é o debate e o intercambio de boas prácticas dentro do ámbito da educación inclusiva e a inclusión social, así como ser un foro para establecer contactos de cara á planificación dun proxecto de asociacións de intercambio escolar (KA229).

Data e lugar de celebración: 12-14 de setembro de 2018, en Bratislava (Eslovaquia)

Prazo de envío de formularios:  ata 27-06-2018 (12:00, hora de Bruxelas)
 

Toda a información sobre a convocatoria, as actividades ofertadas, os criterios de selección e o proceso de solicitude, subvención e xustificación pode atoparse na seguinte ligazón: http://www.sepie.es/educacion-escolar/seminarios.html#contenido