Román Rodríguez anuncia unha gran feira STEM para poñer en valor os proxectos dos centros educativos

O conselleiro de Educación explica no Parlamento que o evento se celebrará os próximos días 20 e 21 en Santiago, contará cunha área de exhibición e espazos maker para alumnado e familias
Enmarca esta iniciativa no plan da Consellería para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego, sendo “a estratexia máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa”
Non en balde, a Estratexia galega para a educación dixital conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020
Mér, 11/04/2018 - 18:20

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta tarde a celebración dunha gran feira STEM –que terá lugar os próximos 20 e 21 de abril no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela– para poñer en valor os diferentes proxectos que están realizando os centros galegos neste eido. O evento, que leva por nome STEMlab Galicia, é a primeira vez que se organiza e contará cunha área de exhibición de proxectos de 18 centros, así como espazos maker para alumnado e familias, conferenciantes de prestixio e formación específica para o profesorado.

Tal e como resaltou o titular do departamento educativo no Parlamento galego, esta feira demostra o compromiso da Consellería co impulso dos coñecementos científico-tecnolóxicos entre o alumnado, un compromiso recollido na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020. Precisamente, este plan céntrase na potenciación do proxecto dixital nas aulas –E-Dixgal ou libro dixital– e no fomento dos coñecementos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Segundo manifestou Román Rodríguez, “Galicia conta coa estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa; unha estratexia integral que é moito máis que unha acción ou un grupo de accións illadas, e que afecta á totalidade da comunidade educativa”.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que no curso pasado 2016/17 entregáronse kits de Robótica en todos os centros de secundaria. Tras o éxito desta medida, no curso actual optouse por estender os kits tamén a primaria, que chegan a máis de 10.000 alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria de 111 centros. A maiores, na actualidade hai máis de 5200 alumnos matriculados en Programación, Robótica e Identidade dixital (esta última pioneira en España). Pola súa banda, os clubs de ciencia esténdense este ano a 30 centros e, por primeira vez o pasado outono, púxose en marcha a Semana STEM, un campamento científico-tecnolóxico dunha semana de duración no que participaron 300 alumnos, maioritariamente mozas.

Formación do profesorado

A formación do profesorado neste ámbito é unha liña primordial para a Consellería, que dispón dun plan específico en robótica, programación e impresión 3D dirixido aos docentes vinculados ás ensinanzas tecnolóxicas.

Desde xaneiro de 2017 realizáronse un total de 262 actividades neste campo, cun total de 2535 docentes participantes en preto de 5000 horas. Tamén se realizaron 174 actividades de formación nos centros da rede (cursos, xornadas, encontros) da mesma temática, con máis de 3000 horas e case 2400 docentes participantes.

STEMlabGalicia

Deste xeito, a feira STEMlabGalicia nace co fin de mostrar o traballo innovador que están realizando os centros no ámbito STEM, uns proxectos vinculados coas accións e dotacións de equipamento da Consellería. En concreto, o venres día 20 haberá stands de exhibición de proxectos dun total de 18 centros, así como obradoiros e espazos maker para familias. Tamén se organizarán conferencias de persoeiros de prestixio como o científico Ángel Carracedo ou a directora do CINBIO, África González, entre outros. O sábado 21 estará centrado en formación específica para o profesorado.

Os centros que expoñerán os seus traballos son o CPI de Atios (Valdoviño), CPI Virxe da Cela (Monfero), IES David Buján (Cambre), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES de Fene (Fene), CPI a Xunqueira (Fene), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES de Meaño (Meaño), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Fraga do Eume (Pontedeume), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Laredo (Redondela), CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), IES Xunqueira II (Pontevedra), CEIP Valle Inclán (O Grove), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte).

Os centros que queiran visitar a feira poden apuntarse no web www.stemlab.gal