As Comunidades Autónomas con linguas propias reúnense en Navarra para coordinar as súas políticas lingüísticas

Representantes de Navarra, País Vasco, Cataluña, Galicia, Illas Baleares e Comunidade Valenciana participaron na Comisión de Seguimento do Protocolo Xeral de colaboración en materia de política lingüística
Mar, 10/04/2018 - 20:16
As Comunidades Autónomas con linguas propias reúnense en Navarra para coordinar as súas políticas lingüísticas
As Comunidades Autónomas con linguas propias reúnense en Navarra para coordinar as súas políticas lingüísticas

Responsables de política lingüística do Goberno de Navarra, o Goberno Vasco, a Generalitat de Cataluña, a Xunta de Galicia, o Govern das Illas Baleares e a Generalitat Valenciana mantiveron esta mañá un encontro en Navarra para coordinar as políticas orientadas á promoción das súas linguas propias.

Ao encontro, enmarcado na Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración subscrito polas comunidades autónomas, asistiron Mikel Arregi,  director xerente do Instituto Navarro do Éuscaro/Euskarabidea; Miren Dobaran, viceconselleira de Política Lingüística do Goberno Vasco; Ester Franquesa, directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Marta Fuxá, directora xeral de Política Lingüística do Govern das Illas Baleares; e Rubén Trenzano, director xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo da Generalitat Valenciana.

Durante o encontro abordáronse diferentes temas de interese para as políticas de promoción das linguas oficiais.

En canto á aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, en febreiro de 2017, a Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Autónomas e Entes Locais do Ministerio da Presidencia e para as Administracións Territoriais solicitoulles información ás comunidades autónomas. Con esta información e coa correspondente á Administración elaboraron o "Quinto informe sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, do Consello de Europa 2014-2016" que foi remitido en castelán ao Consello de Europa, a través da Representación Permanente de España, o pasado día 6 de febreiro. Aínda está pendente a visita por parte do Comité de Expertos para contrastar o contido do quinto informe cos representantes institucionais e das entidades sociais, que está prevista a partir de setembro. A continuación, remitiranlle o informe ao Comité de Ministros do Consello de Europa para que formule as recomendacións pertinentes. Por outra banda, os responsables de política lingüística consideraron importante que o informe lle traslade ao Consello de Europa unha información máis fidedigna e detallada. A visita do Comité de Expertos aproveitarase para completar o informe.

Intercambiouse información sobre o coñecemento das diferentes linguas oficiais nas comunidades autónomas no acceso á Función Pública. Na reunión valorouse que este coñecemento debe de servir para garantir o dereito da cidadanía a utilizar calquera das linguas oficiais na súa comunidade autónoma, de acordo coa normativa vixente en cada unha delas. Ademais, as persoas asistentes á comisión de seguimento mostraron a súa preocupación polo debate que desde algúns sectores está a producirse, xa que se pon en cuestión o requisito do coñecemento das linguas oficiais para o acceso á función pública, que é a única maneira de garantir o dereito de opción lingüística.

Estudouse o proxecto de formación continua destinada ao profesorado de linguas minorizadas, co obxecto de formalo no ensino da lingua oral. Acordouse propoñer que a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD) patrocine este proxecto para o seu financiamento europeo, a través do programa Erasmus +.

Os temas tratados incluíronse no Plan de Traballo para 2018, que terá continuidade na próxima reunión, que se celebrará en Valencia.

Durante o encontro, os representantes das comunidades autónomas ofreceron unha rolda de prensa xunto á conselleira de Relacións Cidadás e Institucionais, Ana Ollo, quen destacou a importancia de foros como este para promover as linguas minoritarias e o intercambio de boas prácticas e a formulación de políticas sobre diversidade lingüística. “As linguas, lonxe de dividir, multiplican o noso valor como sociedades democráticas e encontros como este permiten profundar niso”, apuntou a conselleira.

Ollo puxo en valor o éuscaro como valor de convivencia, “un valor recollido desde hai máis de 30 anos na normativa vixente en Navarra”. Concluíu agradecendo a boa disposición e vontade de colaboración das persoas asistentes.

Tras finalizar o encontro, as diferentes comunidades autónomas mantiveron un encontro coa presidenta do Goberno de Navarra, Uxue Barkos, quen ofreceu unha recepción no Salón Verde do Palacio de Navarra.

Protocolo de colaboración

O ano 2007 o Goberno Vasco, a Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galicia asinaron o Protocolo Xeral de colaboración en materia de política lingüística, ao que posteriormente se adheriu o Govern das illas Baleares. Coa adhesión en abril de 2017 da Generalitat Valenciana e do Goberno de Navarra conseguiuse establecer, por primeira vez, un marco de colaboración de todas as comunidades autónomas con lingua propia que teñen status de oficialidade nos termos establecidos nos correspondentes estatutos de autonomía.

O protocolo fixa un marco xeral e unha metodoloxía para o desenvolvemento da colaboración mutua en materia de comunicación, o intercambio de información relativa a estudos e investigacións para o seguimento da evolución sociolingüística, a difusión das súas publicacións electrónicas, os pasos dados no ámbito dos dereitos lingüísticos e as experiencias de implantación de plans lingüísticos. En materia de terminoloxía, contémplase o intercambio de información sobre as metodoloxías e os procesos de traballo, os criterios para a normalización terminolóxica, as estratexias de difusión e implantación de terminoloxías e métodos de seguimento do nivel de implantación. No que respecta á protección e uso das linguas oficiais no ámbito da Administración do Estado e da UE, promoverase que estes adopten medidas e accións normativas e que se posibilite o uso das linguas oficiais distintas ao castelán nas súas institucións.

Outros aspectos contemplados son o ámbito socioeconómico, o ensino, as tecnoloxías da información e a comunicación, o uso social da lingua ou a súa difusión internacional.