Román Rodríguez anuncia unha renovación integral do CEIP da Ramallosa, en Teo, no que Educación investirá arredor de medio millón de euros
Durante unha visita ao centro, o conselleiro explicou que a obra, que se executará o vindeiro ano, consistirá nunha rehabilitación enerxética e funcional do centro que abrangue as cubertas, as fachadas, as carpinterías e as luminarias, entre outras
Ademais este verán realizaranse obras de mellora nos CEIP A Igrexa-Calo e dos Tilos e no IES de Cacheiras, por uns 130.000 euros
A Consellería leva investidos preto de 1,5 millóns de euros en melloras nos centros educativos de Teo nos últimos anos
Mar, 20/03/2018 - 13:12

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou hoxe que o seu departamento vai actuar durante este ano e o próximo en catro centros escolares do Concello de Teo con obras que superarán os 630.000 euros de investimento. A actuación máis importante realizarase no CEIP da Ramallosa -que hoxe visitou- que o vindeiro ano vai ser obxecto dunha obra de rehabilitación enerxética e funcional que suporá un investimento de arredor de medio millón de euros.

Actuacións para este verán

Así mesmo, este verán vanse realizar varias obras noutros tres centros escolares de Teo por un importe de 130.000 euros. Así, no CEIP A Igrexa-Calo investiranse 85.000 euros para renovar os aseos do 2º e 3º andar e dotalo de escaleiras de evacuación. Tamén se vai dotar ao CEIP dos Tilos de escaleiras de evacuación. Precisamente hoxe mesmo están os técnicos da consellería visitando estes dous centros co fin de elaborar os proxectos correspondentes.

Finalmente destinaranse outros 20.000 euros para a inspección da instalación de baixa tensión e as caldeiras de gasóleo no IES de Cacheiras, que suporá un investimento de 20.000 euros.

Rehabilitación integral do CEIP A Ramallosa

A Consellería vai levar a cabo unha rehabilitación enerxética e funcional do CEIP A Ramallosa co fin de solucionar de xeito definitivo as deficiencias desta infraestrutura. Segundo dixo o conselleiro, trátase dunha reforma integral do colexio, que se executará o vindeiro ano 2019 e que suporá un investimento aproximado de medio millón de euros. Deste xeito, -e a falta dos aspectos concretos que quedarán determinados no proxecto técnico unha vez elaborado-, os traballos abranguen o illamento de fachadas e cubertas, e a renovación de carpinterías e luminarias principalmente.

O obxectivo principal desta rehabilitación é dotar ao edificio dunha maior confortabilidade para todos os seus usuarios, e acadar un importante aforro enerxético (cun menor custo derivado do consumo de gas e electricidade).

Esta obra súmase ás nove actuacións deste mesmo tipo que se acometen este ano noutros tantos colexios das catro provincias, por un importe de 4,8 millóns de euros financiados con fondos Feder. Así, nos últimos tres anos, a Consellería de Educación inviste preto de 14 millóns de euros nos últimos tres anos en mellorar a eficiencia enerxética dun total de 29 colexios en toda Galicia.

Tal como explicou o conselleiro, para levar a cabo estas rehabilitacións enerxéticas e funcionais no eido educativo, desde a Consellería estanse realizado estudos técnicos de extrapolación enerxética de xeito que se establecen as prioridades de actuación así como se determinan as accións concretas en cada caso para acadar os obxectivos de aforro marcados.

Cómpre lembrar que como novidade, desde o presente 2018, no deseño destes proxectos de mellora enerxética participan arquitectos novos, polo que se xeran novas oportunidades de emprego para a xente moza ao tempo que se conciencia aos rapaces na importancia do coidado do medio ambiente.

Todas estas obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, dotado cun orzamento de 118,5 millóns de euros para este período.

Preto de 1,5 millóns de euros en mellora educativa en Teo

Na súa visita ao CEIP da Ramallosa, Román Rodríguez lembrou que o seu departamento leva investidos preto de 1,5 millóns de euros en diversas actuacións de mellora das infraestruturas educativas no Concello de Teo, 75.800 deles neste mesmo centro. Así mesmo dixo que o ano pasado se investiron uns 25.500 euros na construción da rampla de acceso ao CEIP A Igrexa-Calo, e outros case 5.000 na substitución da caldeira de calefacción do CEIP Os Tilos.

No que atinxe aos proxectos educativos, o conselleiro destacou  a implicación do centro en programas estratéxicos que impulsa a Consellería como é a participación nos Plans de Formación do Profesorado (en iniciativas formativos no ámbito STEM, así como nas metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos), a participación nos Contratos-Programa coas liñas de mellora das competencias clave  en matemáticas e en comunicación lingüística; a incorporación ao proxecto de libro dixital E-Dixgal; e o Plambe (de mellora de bibliotecas escolares).

Na visita ao centro, o conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e polo xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana.