Máis de 180 docentes galegos recibiron formación no tratamento do TDAH ao abeiro do convenio entre a Xunta e as fundacións Ingada e María José Jove

O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa asistiu hoxe á entrega das bolsas coas que se recoñece aos proxectos gañadores deste proxecto
Ven, 09/03/2018 - 15:36

Un total de 181 docentes dos centros educativos galegos recibiron formación para o tratamento de alumnado con Trastorno por Déficit de atención e Hiperactividade (TDAH) ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as fundacións INGADA e María José Jove. O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe no acto no que se fixo balance desta iniciativa e se entregaron as bolsas aos gañadores do proxecto, en concreto o CEIP Plurilingüe Manuel Murguía de Feáns (A Coruña) e o IES da Terra Chá José Trapero Pardo. No acto participaron tamén o presidente da Fundación INGADA, Ángel Carracedo; a presidenta da Fundación María José, Felipa Jove; e a directora de Ingada, Elvira Ferrer.

Esta foi a cuarta edición dun curso no que se impartiron xornadas formativas de catro días de duración en todas as provincias galegas ás que asistiron 181 profesores. Deles, 52 foron docentes de centros de Lugo, 51 da Coruña, 46 de Ourense e 32 de Pontevedra. O curso foi impartido por neuropsicólogos, neuropediatras, logopedas, médicos e pedagogos no primeiro trimestre do curso 2017/18 e constou de 25 horas de formación teórica e práctica. Ademais, nesta edición a formación ampliouse cun curso en liña acreditado para docentes de centros educativos concertados.

Calidade dos proxectos

O obxectivo da iniciativa é que o profesorado conte cos coñecementos e ferramentas para detectar e abordar o TDAH na aula, facilitando o desenvolvemento e integración do alumnado con este trastorno. Cada un dos participantes presenta, ademais, un proxecto final de posta en práctica da formación recibida. O comité avaliador decidiu que, pola calidade dos traballos, nesta edición se outorgaran como galardón dúas bolsas, dotadas con 2.000 euros cada unha delas e financiadas pola Fundación María José Jove.

Foron merecedores das mesmas Alba Amor Fernández, do CEIP Prurilingüe Manuel Murguía de Feáns (A Coruña), polo traballo Mediadores de patio; e Sharay Astariz Núñez, do IES da Terrá Chá Jose Trapero Pardo, polo proxecto Aula de matemáticas: unha fiestra ao mundo. O xurado valorou en ambos casos o achegamento ás diferentes repercursións que o TDAH xera no alumnado, así como a posibilidade de aplicación destes proxectos en beneficio doutros alumnos.

Ademais dos centros ganadores, o equipo docente da Fundación INGADA seleccionou como finalistas os proxectos de Miriam Rodríguez Vázquez, do CEE de Vilagarcía de Arousa, polo traballo O meu diagnóstico e eu: reto da educación actual, e o de Yaiza Mª Blanco García, do CEIP María Pita, por Iniciación no ioga como ferramenta de relaxación para o alumnado e, en especial, para o alumnado con TADH.

No acto de entrega das bolsas participou tamén Víctor Patiño Grela, do CIFP Paseo das Pontes, gañador da bolsa do curso anterior por un proxecto para alumnado de FP de Hostalería con TDAH,  acompañado dun alumno con TDAH co que realizou o traballo e co que explicou a súa implantación.