Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal comparten experiencias sobre a FP de hostalaría
Román Rodríguez destaca que a familia profesional de Hostalaría e Turismo ten a taxa máis elevada de inserción laboral: o 82,4% do alumnado que rematou a FCT en 2015 obtivo un emprego
Pon en valor a calidade, innovación e creatividade desta ensinanza, que dobrou o número de alumnos desde o curso 2008/09
CIFP Carlos Oroza de Pontevedra foi o anfitrión do 3º Encontro internacional de FP no sector da hostalaría, no que participan alumnos e profesores dos oito centros galegos que conforman a Rede galega de eduHostalaría
Mér, 28/02/2018 - 19:34

Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal participaron hoxe nunha xornada sobre a Formación Profesional no ámbito da hostalaría, co fin de intercambiar experiencias de éxito e intentar buscar respostas conxuntas de cara aos retos vindeiros que presenta esta modalidade e, en concreto, a familia profesional de Hostalería e Turismo. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, clausurou este 3º Encontro Internacional de FP no sector da hostalaría, cuxo anfitrión foi o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. Así mesmo, no peche do evento tamén participaron os conselleiros do ramo de Asturias e Castela e León, Genaro Alonso e Fernando Rey, respectivamente.

Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o “éxito” da Formación Profesional, tanto a nivel de alumnado como de calidade. En concreto, salientou a taxa de inserción laboral da familia profesional de Hostalaría e Turismo, que é a máis alta de todas a FP galega. Segundo o último estudo realizado, correspondente a alumnado que rematou a FCT en 2015, o 82,4% dos alumnos que cursaron un ciclo desta familia obtiveron un emprego. Por outro lado, case un 16% proxecta crear a súa propia empresa nos anos seguintes ao remate do ciclo, o que demostra o alto espírito emprendedor neste sector. “Negar que a FP galega é unha porta aberta ao emprego é negar unha evidencia”, salientou. 

Alta demanda e calidade

Ademais, tamén lembrou a alta matrícula que congrega esta familia profesional, que se dobrou desde o curso 2008/09, pasando dos 1.923 inscritos de entón ata os máis de 3.600 do curso actual. “Pero o éxito actual, visible nos datos de inserción laboral, non é consecuencia desta alta demanda, senón do bo facer de profesores e alumnos”, resaltou Román Rodríguez.

Así mesmo, puxo en valor os oito centros referentes neste ámbito, que desde 2014 constitúen a Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría (eduHostalaría). Estes centros, nos que se inclúe o propio CIFP Carlos Oroza, son sinónimo, nas súas palabras, “de innovación e creatividade”.

Obxectivos comúns

Cómpre lembrar que o encontro de hoxe xorde un mes despois da reunión de traballo mantida en León entre os equipos de educación de Galicia, Asturias e Castela e León. Desa cita interrexional xurdiu un documento de conclusións, no que figuraban algúns dos desafíos que presenta a FP, nomeadamente a FP Dual.

Neste sentido, o conselleiro lembrou aqueles puntos que suscitan acordo entre ambas as tres comunidades, como é a necesidade de implicar aos axentes sociais e sectores produtivos no desenvolvemento da FP Dual, así como definir un marco nacional flexible que permita a coexistencia de diferentes modelos que dean resposta ás peculiaridades existentes en cada comunidade, ás especificidades da contorna produtiva e aos cambios tecnolóxicos e organizativos cada vez máis rápidos e imprevisibles.

Participación de profesionais de renome

Este 3º Encontro internacional de FP no sector da hostalaría de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal dá continuidade ás edicións do 2014 e 2016, celebradas no CIFP Compostela, de Santiago. Esta vez, a xornada dedicouse á innovación e novas tendencias en sala, co fin de coñecer experiencias innovadoras no servizo e na atención ao cliente. Para iso, contouse coa participación de profesionais de renome do sector, procedentes dos restaurantes Arzak, Mugaritz, Yayo Daporta, O Balado e Culler de Pau.

Ademais, tamén asistiron directores de centros de FP de Asturias e Castela e León, así como de Portugal. Pola banda de Galicia, participaron alumnos e profesores dos oito centros que conforman eduHostalaría.

Este encontro é un claro reforzo do aproveitamento de sinerxías que xa supón a Rede galega de FP de Hostalaría, a través da transferencia de coñecemento dos centros educativos ás empresas, o intercambio de experiencias profesionais e abrindo a posibilidade de crear novos proxectos de innovación en colaboración con outros sistemas educativos de fóra da comunidade galega.