As voces femininas fanse cos galardóns do certame de dinamización lingüística Lingua de namorar
Política Lingüística e Xuventude fixeron público hoxe o ditame do xurado da sexta edición desta iniciativa, que dobrou considerablemente a súa participación con respecto aos anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas
Os premios entregaranse o Día dos Namorados nun acto público, no Museo do Mar de Galicia
Mér, 07/02/2018 - 19:11

Un ano máis son as voces femininas as que se fan cos premios do certame de dinamización lingüística Lingua de namorar, que convocan conxuntamente as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os dous departamentos fixeron público hoxe o ditame do xurado desta sexta edición da iniciativa, que dobrou considerablemente a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas. 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.

Tecnoloxía como premio á creatividade en galego

Tal e como prevén as bases do concurso, as gañadoras recibirán os seus premios (un Hoveboard Nilox, unha cámara Fuji instantánea mini 9, un auricular Panasonic Diadema,  unha smart TV Panasonic 32”, un smartphone Wiko 5” e unha cámara deportiva Mini Wifi 2”, respectivamente, acompañados de cadansúa reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en Vigo en 2017 e 2018), nun acto público que conducirá a escritora galega Rosalía Fernández Rial e que acollerá o Museo do Mar de Vigo o vindeiro 14 de febreiro, Día dos Namorados, ás 17:00 horas.

Toda a información e textos gañadores no enlace web http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistic....

Primeiro plan de dinamización entre a mocidade no 2018

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado avanzan nos traballos de redacción do que será primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta de Galicia, unha nova folla de ruta para a promoción do uso social do idioma propio de Galicia desde o ámbito da mocidade que verá a  luz este mesmo ano.

Ao abeiro del, implementaranse iniciativas como Lingua de namorar ou outras que teñan como obxectivos específicos potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona para darlle así cumprimento ás directrices do sector 2 do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego no ano 2004.