Educación incrementa nun 48% o orzamento destinado á formación en idiomas dos universitarios
Mañá ábrese o prazo para a solicitude de axudas para estadías no estranxeiro
Trátase de 200 bolsas dotadas cunha contía de 1000 euros por beneficiario
Lun, 05/02/2018 - 10:44

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para que ata 200 universitarios realicen estadías no estranxeiro para mellorar o seu nivel en linguas estranxeiras. En total o departamento educativo da Xunta destina a estas bolsas 200.000 euros, o que supón un incremento do 48 por cento con respecto aos 135.000 euros da convocatoria do ano pasado. Ademais, concederanse ata un total de 200 bolsas (fronte ás 150 do ano pasado) e dotadas cun importe de 1000 euros por alumno.

O obxectivo é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) poidan mellorar as súas competencias en outros idiomas, nun curso que deberá desenvolverse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2018, ambos incluídos. Estas axudas reafirman o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como un estímulo en prol da mobilidade dos universitarios galegos, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior(EEES).

Os aspirantes poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica na Xunta a partir de mañá e ata o vindeiro 14 de marzo. Os termos da convocatoria poden consultarse no DOG de hoxe, no enlace web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180205/AnuncioG0164-011217-0001_gl.html .

Requisitos

Poderán solicitar estas os universitarios que estean matriculados no curso 2017/18, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que están a realizar.

Así mesmo, o curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, con polo menos 15 horas lectivas semanais; e o idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

Non poderán optar a esta convocatoria aqueles estudantes que foran beneficiados cunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+ neste curso, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que se están a desenvolver o devandito programa e o alumnado que xa fora beneficiario desta axuda en convocatorias anteriores.