Galicia pecha 2017 acadando o obxectivo de taxa de abandono educativo temperán marcada pola Unión Europea

O dato, un 14,9%, é o máis baixo desde que se dispón de rexistros

Ven, 26/01/2018 - 11:48

Galicia acaba de pechar o ano 2017 coa taxa máis baixa de abandono educativo temperá desde que se dispón de rexistros, un 14,9%, que supón ademais acadar o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixada nun 15%. O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).

Desde 2009, que pechou cun 25,8% nesta taxa, a Comunidade Autónoma ten rebaixado o abandono educativo en máis de 10 puntos. Hoxe, a Comunidade Autónoma está máis de tres puntos por debaixo da media nacional nesta taxa no ano 2017.

Durante a súa visita hoxe ao CEIP Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense), o conselleiro de Culltura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou que esta boa nova se debe fundamentalmente a que a comunidade educativa “desenvolve proxectos que, por unha parte, se orientan a que os alumnos vexan o sistema educativo máis atractivo e, por outra, a que haxa liñas de acción que posibiliten que o alumnado poida ter unha maior implicación”. Deste xeito, salientou que a redución da taxa de abandono “posibilita manter unha liña de calidade e de equidade, que é o que mide o bo funcionamento dun sistema”. Así mesmo, indicou que en Galicia e en España “estamos vendo como as principais variables están mellorando dun xeito progresivo nos últimos anos”, o que sinalou como froito da liña común que están a seguir tanto a Administración central como as Comunidades Autónomas.

Polo tanto, a Consellería quere agradecer a docentes, equipos directivos e do conxunto da comunidade educativa o esforzo realizado nestes últimos anos, que deu como froito estes bos resultados, tanto na diminución desta taxa como en informes como o PISA. A posta en marcha de iniciativas como os contratos-programa ou de modalidades formativas como a FP Básica teñen contribuído á permanencia dos estudantes nun ensino que hoxe conta, ademais, con máis oportunidades para formarse en novas tecnoloxías e en linguas estranxeiras. Desde esta perspectiva, os datos rexistrados na taxa de abandono deben ser percibidos como un logro común do sistema educativo galego, que debe continuar traballando unido en prol da súa mellora.

Declaracións do conselleiro