Román Rodríguez sinala o viveiro de empresa do CIFP Valentín Paz Andrade como unha oportunidade de crecemento para a cidade de Vigo e a súa economía

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe o centro educativo, onde destacou que 6 das empresas formadas nestes viveiros de centros educativos vigueses xa funcionan fóra deles
Mér, 10/01/2018 - 13:19

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou hoxe o recén estrenado viveiro de empresa do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Valentín Paz Andrade, un dos sete espazos deste tipo que o seu departamento puxo en marcha no ano 2017. Román Rodríguez sinalou este viveiro como unha oportunidade de crecemento para toda a cidade de Vigo e para a súa economía. De feito, o conselleiro salientou que seis dos proxectos formados e asesorados nos últimos anos en viveiros de empresa de centros educativos vigueses xa funcionan fóra deles como compañías mercantís.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que nestes espazos os estudantes e titulados poden poñer en marcha as súas ideas de negocio co asesoramento gratuíto de profesionais na materia en cada fase de creación da empresa e ofrécenselle contactos con emprendedores para o intercambio de experiencias. Ademais de estar arroupados pola comunidade educativa, os viveiristas acceden a este espazo de balde. Deste xeito, favorécese a empregabilidade da mocidade, o emprendemento e o crecemento do tecido produtivo da cidade da oliveira.

Cómpre sinalar, ademais, que con este do CIFP Valentín Paz Andrade a cidade de Vigo conta con tres viveiros de empresa en centros educativos, dado que o CIFP Manuel Antonio teno desde o 2009 e o IES Ricardo Mella desde 2014. O viveiro pode ser utilizado tanto polo alumnado do propio centro como por estudantes e titulados doutros centros educativos que remataran as ensinanzas postobrigatorias non universitarias nos últimos 4 anos.

O conselleiro quixo agradecer o esforzo do CIFP Valentín Paz Andrade para poñer en marcha este espazo así como a implicación do Consorcio Zona Franca de Vigo, representado hoxe na visita ao centro pola súa presidenta, Teresa Pedrosa. Non en balde, esta institución colaborou na posta en marcha deste viveiro, que supuxo un investimento total -asumido pola Consellería e Zona Franca- de 30.000 euros, ao abeiro dun protocolo de colaboración no marco do que Zona Franca tamén contribuíu á posta en marcha dos viveiros do IES Montecelo (Pontevedra), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) e IES García Barbón (Verín) e á ampliación dos viveiros dos CIFP CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel e A Farixa, ambos na cidade de Ourense.

Ademais de pola presidenta de Zona Franca, o conselleiro estivo acompañado nesta visita polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; polo director do CIFP, Alfonso Silva Solla; polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; pola subdirectora xeral de FP, Mª Eugenia Pérez Fernández; e polo xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.

Proxectos no viveiro

O viveiro de empresa do CIFP Valentín Paz Andrade conta con catro postos para o desenvolvemento de ideas de negocio. Desde a súa posta en funcionamento neste viveiro téñense asesorado catro plans de empresa e xa se puxo en marcha un proxecto de empresa.

En concreto, a iniciativa máis consolidada é Inercia 2.0, centrada no deseño, investigación e desenvolvemento de produtos deportivos baseándose en fabricación mecánica e uso das novas tecnoloxías.

O CIFP Valentín Paz Andrade oferta un total de 21 ciclos -un de FP Básica, 10 de grao medio e 10 de grao superior–, tanto en réxime ordinario como en modular para adultos. As familias profesionais que imparte o centro son as de Enerxía e auga, Fabricación mecánica, Instalación e mantemento, Transporte e mantemento de vehículos e Madeira, moble e cortiza.

Éxito dos viveiros vigueses

A implantación dos viveiros de empresas en centros educativos da cidade de Vigo está a ser un éxito. Neste sentido, o máis veterano, o do CIFP Manuel Antonio, ten asesorado ao longo destes anos un total de 33 plans de empresa, dos que 26 se transformaron en proxectos. A día de hoxe, xa funcionan fóra do viveiro cinco empresas, e outra está en funcionamento dentro do propio viveiro.

No referido ás empresas que iniciaron xa a súa andaina no mercado fóra do centro educativo, trátase de negocios de creación e deseño de páxinas web (Portales Verticales), marketing online (Esmera marketing online), deseño industrial (Ipaktek), unha rede social para xeolocalizar audios en diferentes idiomas (Panoraudio) e mesmo unha marca de roupa xuvenil (Delirious Clothing).

No caso do IES Ricardo Mella, foron 8 os plans de empresa asesorados e seis os proxectos de empresa. Ademais, unha das empresas formadas neste viveiro xa funciona fóra del, concretamente destinada á produción de vídeos para o Real Club Celta de Vigo

26 viveiros en funcionamento

Con este novo espazo, a Consellería amplía a cobertura territorial da Rede de Viveiros en Centros Educativos que, contando co vigués, agrupa un total de 26.

En concreto, a Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos compóñena, ademais do Valentín Paz Andrade, os CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense), A Farixa (Ourense), A Granxa (Ponteareas), A Xunqueira (Pontevedra), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo), Compostela (Santiago), Coroso (Ribeira), Ferrolterra (Ferrol), Manuel Antonio (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña),  Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Someso (A Coruña); e os IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), Laxeiro (Lalín), de Fene, García Barbón (Verín), Luís Seoane (Pontevedra), Montecelo (Pontevedra), Ricardo Mella (Vigo), e Universidade Laboral (Culleredo).