Os Bolechas, Fantoches Baj, A Roda, Uxía e María do Ceo pechan esta semana ‘Nadal en Rede’ 2017
Cambados, Gondomar, Ames, Neda, Fene, Viana do Bolo, Muros, Abegondo, Muxía, Viveiro, O Carballiño, Sarria e Neda acollen as últimas actividades da sexta edición do programa
Desde mediados de decembro ata este domingo, o programa percorre 41 concellos da Rede de Dinamización Lingüística
Mar, 02/01/2018 - 12:14

Os Bolechas, Fantoches Baj, Senén Vaamonde e A Roda, Uxía e Sérgio Tannus e María do Ceo pecharán esta semana a sexta edición do programa de dinamización lingüística 'Nadal en Rede'. Desde hoxe, martes, e ata o vindeiro domingo haberá actividades en 13 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia: Cambados, Gondomar, Ames, Neda, Fene, Viana do Bolo, Muros, Abegondo, Muxía, Viveiro, O Carballiño, Sarria e Ribeira. O programa percorre ata o domingo 7 de xaneiro un total de 41 localidades galegas.

‘O castiñeiro do Apalpador’, de Fantoches Baj, poderá verse este mesmo martes no Auditorio Municipal de Cambados (ás 12:00 horas). O mércores 3, a actividade visitará as terras do Bolo, onde pechará o seu pase polo ‘Nadal en Rede’ cunha cita na Casa da Cultura de Viana do Bolo (ás 17:00 horas). As familias que se acheguen ás dúas funcións van poder gozar dun espectáculo de monicreques que recupera a historia dunha das figuras máis populares do Nadal galego. Ademais de non faltar as castañas, a xente máis pequena da casa pode aproveitar para retratarse co entrañable carboeiro.

Senén Vaamonde e Alfredo e Manuel, integrantes do grupo A Roda seguen esta primeira semana do ano de xira co seu espectáculo ‘Picariño’, un concerto didáctico dirixido ao público familiar no que non faltarán as panxoliñas nin a poesía de Pura e Dora Vázquez. A primeira das funcións será este mesmo martes no Auditorio Municipal de Gondomar, ás 17:00 horas. Ao día seguinte, mércores, a actividade pasará pola Casa da Cultura de Fene, ás 12:00 horas, e o xoves 4 pechará o seu paso polo ‘Nadal en Rede’ cunha última función no municipio de Muxía. A actuación será, ás 17:00 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.

Esta recta final do programa de dinamización de Nadal vai ser especialmente intensa para os personaxes infantís máis célebres de Galicia. Os Bolechas levarán o seu espectáculo teatral ‘Un conto de Nadal’ a cinco concellos. O primeiro deles será o de Ames, hoxe mesmo, martes (ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns). Mañá, mércores, a actividade poderá verse na Casa da Cultura de Muros (ás 18:00 horas). O xoves é quenda das familias de Viveiro. Os personaxes creados por Pepe Carreiro desembarcan, ás 19:00 horas, no Teatro Pastor Díaz. O sábado daranse cita coa cativada do Carballiño (ás 18:30 horas no Auditorio Municipal) e o domingo pecharán actividade en Sarria (ás 17:30 horas na Casa da Cultura).

Esta derradeira semana do ‘Nadal en Rede’ tamén van estar nos concellos RDL dúas grandes da canción galega: Uxía e Maria do Ceo. No caso da primeira, acompañada do brasilego Sérgio Tannus, hoxe martes en Neda haberá oportunidade de gozar de ‘Nadal Novoneyra’, unha fermosa revisión musical de poemas do autor do Courel, ás 20:30 horas na Casa da Cultura.

Pola súa parte, a cantante galego-portuguesa Maria do Ceo estará esta semana en Abegondo e Ribeira con ‘Cancións para nenas e nenos’. A primeira parada será mañá, mércores 3, ás 20:00 horas no Centro Cultural O Salón de Abegondo. Será precisamente Maria do Ceo quen lle poña o ramo ao programa o domingo 7 cun concerto no Auditorio Municipal de Ribeira, ás 18:00 horas.

A entrada a todas as actividades da fin de semana é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados, agás no caso do Concello de Ames (información no web www.concellodeames.gal). O calendario completo de actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia