A Consellería de Educación recoñece o esforzo e superación de 20 alumnos de ESO

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución dos galardóns correspondentes ao curso 2016/17
Estes premios valoran a capacidade de superación de dificultades do alumnado de ESO ben sexan de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
Lun, 18/12/2017 - 19:39

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171218/AnuncioG0164-111217-0003_gl.html ) a resolución da convocatoria dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2016/17, cos que se recoñece o traballo de 20 alumnas e alumnos. Todos eles  cursaron 4º de ESO durante o pasado ano académico e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado.

Os centros con alumnos galardoados (o nome do alumnado, polas especiais características destes premios, non se fai público) foron, na provincia da Coruña, o IES do Milladoiro (Ames, dous premiados), o IES Leiladoura (Ribeira), o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro), o CPR Plurilingüe Santa María del Mar (A Coruña), o IES Brión (Brión), o IES Fernando Blanco (Cee), o IES Urbano Lugrís (A Coruña) e o IES Plurilingüe Rosalía de Castro  (Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo os premiados cursaron estudos no IES Fonmiñá (A Pastoriza, dous galardoados), no IES da Terra Cha, José Trapero Pardo (Castro de Rei) e no Centro de Educación Especial Infanta Elena (Monforte de Lemos). No caso da provincia de Pontevedra, contan con estudantes premiados o IES Valadares (Vigo, tres galardoados), o CPR El Pilar (Vigo), o IES Mestre Landín (Marín), o CPR Plurilingüe Compañía de María (Cangas), e o IES San Tomé de Freixeiro (Vigo).

Cada premio estará dotado con 750 €, aínda que o seu obxectivo real é que os galardoados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.