Educación recoñece o labor de 21 centros por desenvolver proxectos innovadores no eido das bibliotecas escolares

O obxectivo deste IV Concurso de Traballos por Proxectos é poñer en valor iniciativas que se desenvolven con aproveitamento destes espazos educativos e a utilización de metodoloxías activas na aprendizaxe dos contidos curriculares

Sáb, 16/12/2017 - 11:00

Un total de 21 centros educativos resultaron galardoados no cuarto concurso de traballos por proxectos coordinados polas bibliotecas escolares, que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no contexto do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares.

O obxectivo deste certame é recoñecer o labor que se desenvolve desde estes espazos para impulsar o uso de metodoloxías activas, a realización de traballos de investigación  e interdisciplinarios e a adquisición das competencias informacionais por parte do alumnado. Así mesmo busca  promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas.

Ao abeiro desta convocatoria, á que se destinaron 33.500 euros (un 10% máis que o ano anterior), concedéronse un total de 9 premios na modalidade de proxectos de carácter interdisciplinario ou proxectos documentais integrados coordinados desde a biblioteca escolar (Modalidade 1). Na modalidade 2, de proxectos de investigación dirixidos por profesorado, concedéronse catro premios na categoría a (traballos de grupo/nivel), un na categoría b (traballos de ciclo/departamento) e un na categoría c (proxectos realizados na materia de libre configuración Investigación e Tratamento da Información ou noutras materias equivalentes en ESO ou Primaria). No caso da modalidade 3, de proxectos intercentros, foron seis os centros galardoados.

Centros distinguidos

En concreto os centros galardoados na modalidade 1, con premios de 2.000 euros, foron a Escola de Educación Infantil (EEI) Barrionovo (Arteixo), os CEIP Nicolás del Río (Cedeira), Milladoiro (Malpica de Bergantiños), o Plurilingüe de Meaño-as Covas (Meaño), o Plurilingüe Sobreira Valadares (Vigo), de Leirado (Salvaterra de Miño) e Virxe do Corpiño (Begonte), e os IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa) e Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa).

Na modalidade 2, con premios de 1500 euros, resultaron galardoados na modalidade a os CEIP Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados) e Nosa Señora dos Remedios (Ponteareas), a EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra) e o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova); mentres que na categoría b o recoñecemento foi para o CIFP Coroso (Ribeira) e na categoría c para o CEIP Quintela (Moaña).

Os centros galardoados na modalidade 3, con premios de 1000 euros, foron os CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Felipe de Castro (Noia) e Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Santa Comba), as EEI de Fontelo (Coirós), de Coirós de Arriba (Coirós), e o IES Plurilingüe de Fontexería (Muros).

A relación completa pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23833

Iniciativa en crecemento

O concurso de traballos por proxectos coordinados polas bibliotecas escolares é unha iniciativa en crecemento en número de traballos presentados. Non en balde, para esta cuarta edición analizáronse 102 proxectos realizados ao longo do curso 2016/17.

Así mesmo, cómpre sinalar que a calidade dos traballos presentados vai medrando ano a ano, propiciando o tratamento dos contidos curriculares a través de metodoloxías activas nas que o alumnado ten un importante protagonismo. Tamén que moitos dos proxectos se integran no medio no que está localizado o centro e incorporan ás comunidades educativas, transformando así a práctica de aprendizaxe nunha experiencia global que facilita a adquisición de habilidades e destrezas complexas e o desenvolvemento das competencias clave.  De feito, algúns destes proxectos foron expostos nas pasadas VIII Xornadas de bibliotecas escolares, precisamente como un exemplo de boas prácticas.