A Xunta fomentará as bibliotecas escolares inclusivas para ofrecer máis oportunidades ao alumnado
O conselleiro de educación anunciou esta nova iniciativa na inauguración das VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Ven, 01/12/2017 - 19:20

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta tarde que o seu departamento vai poñer en marcha un novo programa, Biblioteca Inclusiva, destinado a incidir na importancia de que as bibliotecas ofrezan oportunidades a todo o alumnado, e moi especialmente, ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Fíxoo na inauguración das VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, que se celebran hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, e que reúnen a un milleiro de profesores e profesoras vinculados a estes importantes recursos educativos.

Biblioteca Inclusiva reunirá varias iniciativas, especialmente centradas no apoio específico ás bibliotecas dos centros de educación especial ou a aqueles centros que contan con unidades creadas ou habilitadas de educación especial, para que poidan contar cos recursos necesarios para cubrir as necesidades do seu alumnado. Tamén se desenvolverán accións destinadas ao resto dos centros, especialmente de divulgación das características dunha auténtica biblioteca inclusiva, facilitando recursos de apoio ao profesorado, formación, etc.

Neste sentido, facilitarase a presenza de equipamentos e materiais adaptados nas bibliotecas dos centros de ensino e fomentarase unha sinalización accesible que facilite a lectura ao alumnado con necesidades educativas especiais, entre outras medidas.

Por riba da media española

Román Rodríguez quixo destacar o excelente traballo das bibliotecas escolares galegas, que acadan índices por riba da media española no último estudo estatístico sobre bibliotecas escolares do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; e que contribuíron de forma decisiva a que Galicia obtivera no último informe PISA os mellores resultados da súa historia en compresión lectora, acadando os 509 puntos e superando as medias dos países da OCDE, da UE e tamén a media estatal.

Neste sentido, o conselleiro agradeceu a dedicación, tanto dos profesionais da Asesoría de Bibliotecas Escolares, como dos docentes que se encargan do funcionamento destes espazos día a día, que fan co seu traballo que as bibliotecas sexan “un instrumento ao servizo da innovación e unha plataforma de impulso para que os centros exploren novas prácticas educativas”.

Espazo para o debate

As Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia son un foro para o debate e o intercambio de experiencias e boas prácticas entre todos os docentes que se implican no funcionamento destes espazos nos centros educativos, preocupándose como facer fronte desde eles a grandes retos do ensino como é o caso dos novos usos comunicativos e culturais e as novas formas de relacionarse a través, por exemplo, das redes sociais.

Ao longo da xornada de hoxe e de mañá representantes dunha trintena de centros educativos exporán neste encontro as súas propias experiencias e prácticas sobre as formas de ‘aprender a pensar’ a través da biblioteca, a aproximación á competencias informacional e mediática (ALFIN/AMI) ou as bibliotecas como base de exploración sobre outras materias. Varios expertos do ámbito galego e estatal acompañan ao profesorado nestas xornadas, desde territorios culturais como as bibliotecas, a filosofía, a comunicación, a literatura, o xornalismo, o voluntariado cultural ou a narración oral. En conxunto, unha oferta formativa variada e de fondo calado destinada a mellorar as prácticas educativas dos docentes galegos en materia de lectura, escritura, alfabetizacións múltiples, comunicación, competencias en información e medios, literatura ou desenvolvemento do pensamento crítico.

Instrumentos de innovación

Desde esas inquedanzas, e a través de foros como o que hoxe arrinca, as bibliotecas escolares galegas están demostrando que son un instrumento ao servizo da innovación e que poden ser a plataforma de impulso para que os centros exploren novos ámbitos e formas de actuación; grazas á implicación dos docentes que as coordinan.

Non en balde, o estudo estatístico sobre bibliotecas escolares en España (MECD-CCAA, curso 2015/16 sobre os usos que se fan das bibliotecas indica que en Galicia o 79,3% das bibliotecas escolares serven para apoiar o desenvolvemento do currículo (fronte á media estatal do 66,8%) e o 65,5% (fronte ao 28,9% de media de España) aplícanse nas actividades relacionadas co tratamento da información e a competencia dixital.

Os datos da nosa Comunidade Autónoma, que está practicamente en todos os ítems por riba da media, amosan os resultados dos programas da Consellería nesta materia, tales como a posta en marcha do Plan Lía (xa na súa segunda fase), que integra iniciativas e programas exitosos como Escornabots na Biblioteca Escolar, Voluntariado an Biblioteca, o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), Hora de ler, Bibliotecas escolares solidarias, Radio na biblio ou os Clubs de Lectura, entre moitos outras iniciativas.