Educación e Coca-Cola colaboran na décima edición do concurso novos talentos para a promoción do galego

O certame vai dirixido a alumnado de 2º de ESO

Xov, 30/11/2017 - 13:58
Educación e Coca-Cola colaboran na décima edición do concurso novos talentos para a promoción do galego

O Goberno galego -a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- e Coca-Cola European Partners veñen de renovar un ano máis a súa colaboración para o desenvolvemento do concurso literario “Coca-Cola Novos Talentos-Premio de Relato Curto de Galicia”, que ten como finalidade promover o emprego da lingua galega na escrita por parte da mocidade.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mais o director de Área Norte de Coca-Cola European Partners Iberia, Carlos Aguirregomezcorta, asinaron esta mañá o acordo para a realización deste certame que este ano celebra a súa décima edición, e no que levan participado un total de 3100 mozos e mozas galegas desde que se puxo en marcha.

O obxectivo principal do concurso é promover o desenvolvemento da expresión escrita e a lectura entre o alumnado, ao tempo que incentivar a súa creatividade e axudar aos participantes a facer realidade o seu desexo de seren escritores.

Segundo o establecido no acordo asinado hoxe, Coca-Cola encárgase de xestionar e executar todas as actividades que teñan relación co citado premio así como a organización dunha xornada literaria coa presenza dun autor de recoñecido prestixio.

O certame está dirixido a estudantado de 2º curso de ESO que non teñan superado os 16 anos de idade. Os centros escolares son os encargados de seleccionar o alumnado que desexe concorrer á convocatoria, que deberán superar unha proba escrita sobre un tema proposto pola Consellería de Cultura. As bases poden consultarse no enderezo electrónico www.fundacioncocacola.com/concursojovenestalentos.cocacola.es .