Román Rodríguez salienta o apoio dos orientadores no paso dos estudantes ao mundo laboral
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou unha xornada de Orientación no ámbito da Formación Profesional
Mér, 29/11/2017 - 11:56

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da Xornada de orientación profesional Ámbito educativo e laboral, organizada polo seu departamento e que se celebra hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia e centrada na Formación Profesional.

Durante a súa intervención o conselleiro subliñou como “clave” o papel dos orientadores no asesoramento dos estudantes no seu paso do mundo académico ao laboral, un labor que consiste en acompañar, guiar e ofrecer a mellor información para que tomen as decisións máis axeitadas. Así mesmo puxo en valor a importancia de xornadas informativas coma esta que permiten compartir experiencias entre os profesionais da materia e ofrecer un bo servizo de orientación.

Tras a inauguración, o programa da mañá completarase co relatorio A Formación Profesional: vías para a cualificación, impartido polo xefe de servizo de Ordenación e FP da Consellería, Jesús Manuel Rodríguez Buján; e cun panel de experiencias para a empregabilidade moderado pola subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández. Nela, abordouse a FP básica, a FP dual e o programa Eduemprende, e que conta con representantes do CIFP Politécnico de Lugo, IES Pontepedriña, de FINSA e do CIFP Someso.

Xa pola tarde, desenvolverase a mesa redonda A experiencia profesional posta en valor, moderada pola asesora técnica de acreditación de competencias, María Dolores Vazquez Froján e que contará coa participación de representantes dos CIFPs Rodolfo Ucha e As Mercedes e da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O encontro pecharase co relatorio Medidas de apoio á empregabilidade, impartida por un representante da Consellería de Economía.