Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo percorre a riqueza literaria da cidade natal do autor do Merlín

A obra, da autoría do investigador e crítico literario Armando Requeixo, está coeditada pola Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán na presentación do libro celebrada no Centro Ramón Piñeiro

Lun, 27/11/2017 - 20:45

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou este serán o investigador e crítico literario Armando Requeixo na presentación do seu libro Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria, editado pola Xunta de Galicia e polo Concello de Mondoñedo. O acto celebrouse no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).

Valentín García loou a “exquisita combinación de erudición e amenidade expositiva que atopamos neste traballo, que nos convida a pasear e deixarnos atrapar polos encantos de todo tipo que Mondoñedo lle pode ofrecer ao turista, ao paseante, ao curioso e, sobre todo, ao amante da literatura en lingua galega”.

Na presentación desta guía literaria de Mondoñedo interviñeron, ademais de Valentín García, Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, Armando Requeixo, autor da obra, e Abel Vigo, responsable gráfico desta.

Guía literaria de Mondoñedo

O volume hoxe presentado, coeditado polo concello mindoniense e a Xunta de Galicia, é unha guía posible para ruar polo Mondoñedo cunqueiriano, á par ca un convite a gozar doutros atractivos artísticos, gastronómicos e culturais da poboación. Nas súas páxinas, o lector pode descubrir a riqueza literaria de diferentes puntos da cidade a través da información referida á vida e á obra do autor de Merlín e familia, así como a outros creadores que tiveron relación con el ou sobre os que escribiu.

Armando Requeixo

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971), actual secretario do CRPIH, é crítico literario, investigador e tradutor, labores polos que recibiu diferentes distincións, como o Premio Xerais á Cooperación Editorial (2004), o Premio Literario Ánxel Fole (2010) ou o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela (2017).

Ten publicados numerosos traballos sobre Mondoñedo e os seus autores, como as monografías Escritores mindonienses (1988) e Mondoñedo literario (2014), as edicións das obras de Eduardo Lence-Santar e Manuel Leiras Pulpeiro ou ensaios verbo da escrita de Antonio Noriega Varela, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro ou Marina Mayoral.

Menús News node R