Preto de 123.000 alumnos participan este curso nas actividades do Plan Proxecta
Educación vén de resolver a convocatoria, que este ano implica 515 centros de ensino, un 20 % máis que o curso pasado
O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos
Ven, 24/11/2017 - 14:44

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o presente curso 2017/18, no que preto de 123.000 alumnos (case un 35% máis ca no curso anterior) se implicarán nalgún dos 45 programas diferentes que compoñen esta iniciativa. En total participan no Proxecta 515 centros de ensino (un 20% máis), que desenvolverán 911 proxectos distintos coa colaboración de arredor de 5.500 docentes.

Por provincias, 182 centros de ensino coruñeses desenvolverán 303 proxectos, e 74 centros lucenses realizarán 160. En Ourense o número de centros participantes é de 67, que desenvolverán 124 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 192 centros, cun total de 324 iniciativas. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23737 .

Por número de centros participantes, os programas máis exitosos son ‘PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables)’, con 229 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 126; Quérote+, Meteoescolas e Proxecto Terra, con 39 centros implicados cada un deles; e Proxecto Ríos con 34 centros. Pode obterse información sobre os 45 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

No curso 2016/17 participaron no Plan Proxecta 428 centros de ensino, preto de 100.000 alumnos e 5.300 profesores.

Programas ofertados

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Do total destes programas, 36 xa funcionaron o curso pasado. Outros cinco son moi similares pero reformulados co fin de melloralos, en concreto Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Así mesmo, catro son programas totalmente novos, nomeadamente Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal.

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.