O Simposio Carlos Casares repasa a figura, a vida e a obra do ourensán homenaxeado polas Letras
O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou hoxe á tarde na sede da Real Academia Galega este encontro que organiza a institución co apoio da Consellería de Cultura
Mar, 21/11/2017 - 19:57

O Simposio Carlos Casares -organizado pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Consellería de Cultura e Educación- repasará durante tres días, ata o xoves 23 de novembro, na sede da RAG e da man de 16 especialistas, a figura, a vida e a obra do autor ourensán homenaxeado polas Letras Galegas 2017.

“Rematamos un ano dedicado a Casares, que serviu para que os galegos e as galegas descubrísemos outras facetas non menos importantes do escritor, autor de narrativa para adultos, de literatura infantil e poeta; xornalista; político; cargo institucional; editor e conversador; apaixonado pola ciencia e polas tecnoloxías da información”, recordou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na inauguración do encontro.

“Doce meses nos que lembramos o home curioso, culto, ao que nada do universo humano contemporáneo lle foi alleo; un auténtico intelectual que viviu con interese os cambios que se produciron ao seu redor, que opinou sobre eles, e que, por ter o don da palabra, o fixo cunha amenidade e cunha graza memorables”, ameceu o responsable de Política Lingüística, quen cualificou o encontro como un magnífico colofón a un ano de discursos, traballos e reflexións sobre unha das figuras máis ricas e complexas que deron as nosas letras.

Canda el, participaron na inauguración o presidente da RAG, Víctor F Freixanes; o administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do autor, Håkan Casares; e Arcadio López-Casanova, encargado da conferencia de apertura.

O programa do simposio, que abriu a conferencia “Carlos Casares en Compostela: formación, compromiso e manifestación”, ofrece na primeira xornada a redonda “Na procura de novos lectores”, que conta coa participación de Fina Casalderrey, Manuel Forcadela, Montse Pena e Gonzalo Navaza. A cita casariana proseguirá mañá pola tarde coa conferencia “Polos buracos da memoria”, a cargo de Xavier Carro Grande, e coa mesa redonda “Casares de onte a hoxe”, na que tomarán parte Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Antón Riveiro Coello, Francisco Castro e María López Sandez. Xa o xoves, o simposio pechará a súa derradeira xornada coa mesa redonda “Articulista, ensaísta, lector”, da man de Xosé Manuel Pereiro, Álex Alonso, Ramón Loureiro e Inma López Silva, e mais a conferencia de clausura “Carlos Casares, a sedución da palabra”, a cargo de Víctor F. Freixanes.