Educación amplía os contratos-programa cunha nova liña de reforzo para alumnado de ESO e FP básica
Os centros docentes poderán presentar as súas solicitudes na iniciativa para este curso do 3 ao 22 de novembro de 2017
A nova acción está destinada a alumnado de 3º e 4º de ESO e FP básica que presenta baixos resultados académicos, co fin de mellorar as competencias matemática, lingüística e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
Xov, 02/11/2017 - 18:58

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centros docentes públicos soliciten desenvolver contratos-programa (plan de mellora en función das necesidades detectadas no alumnado) durante o curso escolar 2017/18. A principal novidade da iniciativa, que se leva a cabo por sexto ano consecutivo, é a posta en marcha dunha liña exclusiva para o alumnado de 3º e 4º de ESO e FP básica que presenta baixos resultados académicos, co fin de reforzar, preferentemente, a competencia matemática, pero tamén a competencia lingüística e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, os centros destinatarios do programa seguen sendo os Colexios Rurais Agrupados (CRA), as Escolas de Educación Infantil (EEI), os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), os Centros de Educación Primaria (CEP), os Centros de Educación Especial (CEE), os Institutos de Educación Secundaria (IES), os Centros Públicos Integrados (CPI), os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos.

O fin último desta iniciativa é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolvendo o máximo posible as súas potencialidades a través de plans específicos deseñados polos equipos de cada centro de ensino. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o vindeiro 22 de novembro. Os requirimentos poden consultarse no seguinte enlace https://www.edu.xunta.gal/portal/node/23534. A convocatoria deste curso 2017/18 recolle 7 liñas de actuación.

Reforzo, orientación e apoio (PROA)

Con esta actuación preténdese mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Mellora das competencias clave

Coa finalidade de priorizar as accións para a mellora da competencia matemática, o desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora da competencia en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Convivencia e promoción da igualdade nos centros

Esta actuación incluirá todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa. Farase fincapé en aspectos relevantes tales como a atención á diversidade, as actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, as actuacións de acollida, a mellora das habilidades sociais, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos, o rexistro de condutas contrarias á convivencia, a mellora da intelixencia emocional, o desenvolvemento de dinámicas de grupo e traballo colaborativo, o traballo en coeducación e o impulso de escolas de nais e pais, entre outros.

Prevención do abandono temperán

Esta liña de actuación incluirá todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa, así como na redución da taxa de abandono escolar e dos niveis de absentismo.

Excelencia e calidade de xestión dos centros

A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado.

Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Máis reforzo fóra do horario lectivo

Por último, e como novidade este curso, introdúcese a nova liña de reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

O desenvolvemento desta actuación suporá a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística e/ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. En todo caso, priorizarase a competencia matemática.