A Consellería de Cultura destina 100.000 euros á rehabilitación do edificio do Casino de Noia

Román Rodríguez, e mailo alcalde, Santiago Freire, asinaron o convenio para a recuperación deste edificio emblemático do municipio para o seu aproveitamento con fins culturais

O conselleiro visitou ademais o IES Campo de San Alberto e o CEIP Felipe de Castro, onde o seu departamento de Educación realiza obras de mellora por un importe de preto de 200.000 euros este ano

Mar, 31/10/2017 - 13:53
A Consellería de Cultura destina 100.000 euros á rehabilitación do edificio do Casino de Noia
A Consellería de Cultura destina 100.000 euros á rehabilitación do edificio do Casino de Noia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e mailo alcalde de Noia, Santiago Freire; asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá a recuperación do edificio do Casino de Noia e o seu aproveitamento con fins culturais. Ao acto tamén asistiu o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Ao abeiro deste convenio, o departamento de Cultura do Goberno galego investirá un total  de 100.000 euros á estas obras cuxo custe total ascende a preto dun millón de euros, e que o Concello se encargará de tramitar e executar.

Tras a súa rehabilitación, o Casino de Noia habilitarase como Centro de Visitantes Multifuncional do Xeodestino da Ría de Muros-Noia, favorecendo o seu aproveitamento con diversos usos, xa que contará con sala de conferencias, salón de actos, espazos acondicionados para exposicións, etc. Cómpre lembrar que se trata dun edificio que reúne unhas características arquitectónicas singulares e que o sitúa como un inmoble de referencia na evolución urbana da vila

Esta actuación enmárcase dentro das iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia a prol da defensa e da promoción dos valores culturais e da protección, conservación e difusión do patrimonio. Así mesmo, garántese que os concellos dispoñan dunha axeitada infraestrutura sociocultural para a súa utilización e desfrute por parte da cidadanía.

Visita centros escolares

Posteriormente, o conselleiro visitou o IES Campo de San Alberto e o CEIP Felipe de Castro, onde Educación está levando a cabo obras de mellora que suman preto de 200.000 euros.

No IES Campo de San Alberto, a Consellería ven de rematar o cambio da cuberta do ximnasio, no que se investiron arredor de 33.000 euros. A isto hai que engadir outros 39.500 euros o ano pasado con motivo de arranxos de filtracións de auga en fachada e ventás.

Así mesmo estanse executando -coa previsión de rematar antes de que finalice o ano- as obras do novo pavillón do CEIP Felipe de Castro, cun investimento de 150.000 euros por parte da Consellería aos que hai que engadir outros preto de 9.000 euros de arranxos na cuberta (xa concluídos) por mor de danos dun temporal. Neste mesmo centro, durante o ano pasado tamén se realizaron arranxos varios en cubertas, ximnasio e aseos de infantil por un importe próximo aos 60.000 euros.

En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva investidos desde o ano 2009 ata hoxe más de 1,3 millóns de euros en actuacións de mellora das infraestruturas escolares en Noia, dos que case 300.000 euros se concentran nos últimos dous anos (entre 2016 e 2017).