Educación abre o concurso de traslados a docentes de outras CCAA para evitar discriminacións na baremación dos servizos prestados como persoal interino

A mesa sectorial do ensino non universitario analiza hoxe a orde de convocatoria
Mar, 24/10/2017 - 15:37

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe na mesa sectorial do ensino non universitario o proxecto de orde pola que se convoca concurso de traslados. Como principal novidade, desta vez poderán participar no concurso autonómico os docentes de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de minimizar os efectos que no concurso de traslados estatal pode ter o feito de que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a maioría das Comunidades Autónomas non baremen os servizos prestados como persoal funcionario docente interino.

Neste sentido cómpre lembrar que o concurso autonómico adáptase á última xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao respecto, é dicir, ás sentenzas referidas ao concurso de traslados convocado para o curso 2013/2014, que ratificaban a decisión da Consellería de contabilizar os méritos obtidos en situación de interinidade.

O feito de que Galicia compute estes servizos levou a algúns docentes participantes, no último concurso de traslados estatal no que pedían como destino a nosa Comunidade Autónoma, a cursar solicitudes de revisión para que se lles baremaran os servizos prestados como persoal funcionario docente interino. Isto provocou problemas na adxudicación de postos, dado que foi necesario –en base ás sentenzas ditadas en relación ao concurso galego- contabilizar eses méritos e recalcular puntuacións a posteriori da resolución do concurso e da adxudicación de prazas. Polo tanto, abrir o concurso a participantes doutras Comunidades Autónomas ten como finalidade evitar no posible reclamacións que obstaculicen a organización eficiente do sistema educativo galego.

Cómpre lembrar, ademais, que xa no ano 2016 o  concurso autonómico tamén se abriu á entrada de persoal de outras Comunidades Autónomas, debido a que non o puideroan facer no anterior concurso nacional, dadas as sentenzas arredor do devandito proceso do curso 2013/2014.