O I Certame de Música Galega da USC xa ten finalistas
Guille LP, Leda Atómica e Noemia actuarán o día 30 no festival no que se elixirán os gañadores
Valentín García participou hoxe pola mañá na rolda de prensa na que se deron a coñecer as tres propostas finalistas de entre un total de 19
Xov, 19/10/2017 - 18:52

O I Certame de Música Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC) xa ten finalistas: “Dúas andoriñas”, de Guille LP; “No monte da pastora”, de Leda Atómica; e mais “Só nós”, de Noemia, son as tres propostas elixidas. Serán tamén, o vindeiro 30 de outubro, as protagonistas do I Festival de Música da USC que acollerá o Teatro Principal de Santiago de Compostela no marco desta iniciativa que impulsan a Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así se deu a coñecer hoxe ao mediodía nunha rolda de prensa na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou “o valor desta proposta para a dinamización da lingua galega no ámbito universitario”e recordou que “a promoción do uso do galego entre a mocidade é unha das liñas de traballo en marcha” do seu departamento, “no marco do que será o primeiro plan de dinamización do idioma destinado á xente nova que porá a andar o Goberno galego”.

Para alén de García Gómez e mais dos finalistas, interviñeron na rolda de prensa a decana de Filoloxía, María José López; o director do SNL, Manuel Núñez Singala; a presidenta da CNL de Filoloxía, María do Cebreiro Rábade; e o produtor musical, Julio Vilariño Cabezas

I Festival, o 30 de outubro no Principal de Santiago

O I Certame de Música Galega da USC premia cancións compostas por formacións ou solistas de todos os xéneros musicais e diríxese a alumnado da USC con inquedanzas musicais e literarias. Nel resultaron finalistas “Dúas andoriñas”, de Guille LP; “No monte da pastora”, de Leda Atómica; e mais “Só nós”, de Noemia.

De entre elas, elixiranse os gañadores no I Festival de Música Galega do vindeiro 30 de outubro no Teatro Principal -conducida pola xornalista Xiana Arias e con música do grupo galego Ataque Escampe- que recibirán cadanseu diploma e premios de 1.000 (1º), 700 (2º) e 300 euros (3º). Ao certame concorreron un total de 19 propostas dos que o xurado destacou o elevado valor, tanto da música coma das letras.

A iniciativa organízana a CNL de Filoloxía e as facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermaría, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Santiago e de Gadis. A entrada ao festival será libre e de balde e os convites poderanse retirar do despacho de billetes do propio teatro nos días previos.

Obradoiro de música, en novembro

Ademais do propio certame e do festival, a iniciativa complétase cun obradoiro de música galega no que Ataque Escampe asumirá a función de mentor, para transmitir a experiencia dos seus integrantes como músicos, letristas e compositores e orientar as novas formacións nos inicios da súa carreira musical. Aínda que o traballo de titorización se dirixirá de modo preferente aos premiados, está prevista a apertura desta xuntanza de traballo a todos os participantes no certame e tamén ao estudantado da USC interesado.

O encontro terá lugar a comezos do mes de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación, que conta con instalacións que permiten tanto a gravación como a reprodución musical. Toda a información no web http://www.usc.es/gl/centros/filoloxia/outra_informacion/certame_musica/.