A Casa das Artes de Vigo acolle a mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’

A Xunta de Galicia apoia o proxecto expositivo impulsado pola Fundación Carlos Casares para conmemorar as Letras Galegas 2017, que se poderá visitar na cidade olívica ata o 5 de novembro

Lun, 25/09/2017 - 14:14
A Casa das Artes de Vigo acolle a mostra ‘Os mundos de Carlos Casares’

A exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, chega este mércores á Casa das Artes de Vigo, onde se poderá visitar ata o próximo 5 de novembro. Así o anunciaron hoxe pola mañá nunha rolda de prensa representantes das entidades que promoven e colaboran coa iniciativa, que conta desde a Xunta de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

Nela participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen animou a toda a cidadanía a visitala e destacou o interese da mostra “tanto polo achegamento á figura, á obra e á vida de Casares como valor central da escrita galega contemporánea, como por coñecer da súa man os fitos máis importantes que se deron na lingua, na cultura, na política e, en suma, na sociedade galega do século XXI”.

Ademais de García Gómez, participaron nesta presentación o rexedor vigués, Abel Caballero; o deputado de Cultura de Pontevedra, Xosé Leal; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; o seu administrador Håkan Casares; e mais o comisario da mostra e secretario da fundación, Gustavo Adolfo Garrido.

Un percorrido polo universo de Casares

Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística–, dos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña, Os mundos de Carlos Casares é a iniciativa central da conmemoración das Letras Galegas 2017.

Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario do autor ourensán, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, nos que se tratan aspectos fundamentais da traxectoria vital e creativa de Casarares, e da súa interacción co mundo.

Itinerancia ata finais de ano

No seu percorrido polas catro provincias galegas, Os mundos de Carlos Casares exhibiuse desde o pasado mes de abril nos municipios de Ourense, da Coruña, de Ribeira e de Arzúa As próximas paradas da itinerancia da exposición, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal/axenda, en na web www.lingua.gal, serán nos municipios de Pontevedra (do 8 ao 26 de novembro), de Lugo (do 29 de novembro ao 26 de decembro) e de Xinzo de Limia (a partir do 29 de decembro).

Casares, anfitrión das Letras Galegas 2017

Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Para o narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, o que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002, director da Editorial Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega (1996- 2002) e mais do Centro PEN Galicia, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou polo seu talento literario e tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país, así como por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.

Menús News node R