Título node Learning object

Campaña Mundial pola Educación: polo dereito á educación de todas as persoas
Xov, 14/09/2017 - 14:05

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
    • Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
  • Campaña Mundial pola Educación en Galicia integrada polas ONGD, Axuda en Acción, EDUCO, Entreculturas e Taller de Solidariedade.

Ámbito: solidariedade
Definición: promoción dos dereitos da infancia
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: ESO e bacharelato
Límite de centros participantes: 4
Límite á participación: máximo 1 aula e 2 docentes por centro

Criterios de selección: solicitudes en regra

  1. Darase prioridade aos centros públicos.
  2. Idoneidade e calidade do proxecto.
  3. Grao de innovación do proxecto.
  4. Cursos participantes: 3º-4º da ESO e 1º de bacharelato.
  5. Representatividade territorial (1 por provincia, con representatividade de centros educativos rurais/urbanos).
  6. Proximidade xeográfica entre os centros participantes.
  7. Grao de implicación do claustro e da comunidade educativa no proxecto.
  8. Existencia de redes sociais e espazo web activo do centro educativo.
  9. Ter participado previamente en actividades relacionadas coa defensa do dereito humano á educación.
  10. Experiencia previa na participación en programas educativos, campañas de sensibilización, ciberactivismo e activismo social no eido dos dereitos humanos, da cidadanía global e/ou do desenvolvemento humano sustentable.    
  11. Experiencia previa de colaboración con ONG de Desenvolvemento.

Persoas responsables:

Nomes: Miguel Rodríguez García
Departamento: Fundación Entreculturas
Teléfono: 986 22 49 90
Correo electrónico: cme.galicia@gmail.com 

Xustificación

A nivel internacional: “Global Campaign for Education” : http://www.campaignforeducation.org/es/

A nivel estatal: “Campaña Mundial por la Educación” : http://www.cme-espana.org/

O cumprimento do dereito humano á educación a nivel nacional e global está en xogo. No ano 2015, 263 millóns de nenos e nenas, adolescentes e mozos e mozas aínda estaban sen escolarizar e 758 millóns de persoas adultas non sabían ler nin escribir, dos cales dous terzos eran mulleres. Arestora segue habendo 58 millóns de nenos e nenas sen escolarizar e 100 millóns que non rematan o ensino primario. Ao tempo, a desigualdade na educación ten aumentado penalizando ás persoas e comunidades pobres e en situación de exclusión e marxinación. De feito, a probabilidade de non acudir á escola é catro veces maior entre os nenos e nenas máis pobres do mundo respecto dos ricos, e aqueles nenos e nenas teñen unha probabilidade cinco veces maior de non rematar o ensino primario. Ademais, os conflitos armados e os conseguintes desprazamentos de persoas refuxiadas constitúen barreiras insuperables para a educación en zonas de conflito. Globalmente, a mala calidade da aprendizaxe no ensino primario provoca que millóns de nenos e nenas deixen a escola sen teren adquirido as competencias básicas. Simultaneamente tamén se ten producido unha crise de financiamento da educación tanto a nivel dos orzamentos nacionais como a nivel da axuda ao desenvolvemento por parte dos países doadores, que teñen reducido desde 2010 o seu apoio ao sector da educación nos países empobrecidos.

Non obstante, a pesar deste panorama global de incumprimento do dereito á educación para todas as persoas, téñense producido avances positivos desde que no ano 2000 se aprobaran os seis obxectivos do “Marco de Acción de Dakar” por parte de representantes de 164 gobernos reunidos en Dakar (Senegal) no Foro Mundial de Educación. Por exemplo, reduciuse á metade o número de nenos e nenas e adolescentes sen escolarizar; téñense escolarizado 34 millóns máis de nenos e nenas e tense acadado practicamente a paridade de sexos no ensino primario.

Co fin de acelerar o cumprimento efectivo do dereito á educación, en maio de 2015 o Foro Mundial sobre a Educación celebrado en Incheon (Corea do Sur) congregou a 1.600 participantes de 160 países cun só obxectivo en mente: como asegurar para 2030 unha educación de calidade, equitativa e inclusiva e unha aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas. A partir da “Declaración de Incheon para a Educación 2030” tense definido un “Marco de Acción pola Educación 2030” que se reflicte nun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) aprobados en 2015 polas Nacións Unidas. En concreto o ODS 4 establece como fin: “Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas”.

A mobilización local e global da sociedade civil ten sido fundamental para a consecución dos progresos na educación no mundo nos últimos 15 anos a través de accións de sensibilización, formación, investigación e incidencia ante os representantes políticos, parlamentos nacionais, gobernos e administracións públicas para que cumpran cos seus compromisos co dereito á educación a nivel nacional e internacional. A Campaña Mundial pola Educación (CME) nace no ano 2000 como unha coalición internacional de organizacións da sociedade civil, sindicatos educativos, centros educativos e movementos sociais. Arestora está presente en 124 países organizando en abril unha Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) que visibiliza e conciencia sobre a situación da educación no mundo e xera compromisos na cidadanía e nos gobernos locais e nacionais a prol do dereito á educación.

A CME traballa co profesorado e alumnado dos centros educativos ao longo do curso escolar co obxectivo de sensibilizar, formar e mobilizar ás comunidades educativas e á cidadanía para que actúen como voceiros e activistas do dereito á educación quen de incidir e influír nos representantes políticos locais e nacionais para que cumpran os compromisos co dereito á educación.

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa é promover o compromiso e participación activa das comunidades educativas na reivindicación do cumprimento efectivo do dereito humano á educación no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e do Marco de Acción pola Educación 2030.

A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional de ONG, sindicatos do mundo educativos, movementos sociais e centros educativos que se mobilizan para garantir  unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas.

  • Sensibilizar e concienciar ao profesorado e ao alumnado sobre a situación do dereito á educación a nivel global.
  • Empoderar ao profesorado e ao alumnado para que actúen como activistas en favor do dereito á educación.
  • Mobilizar ás comunidades educativas na reivindicación do cumprimento dos compromisos internacionais a prol dunha educación gratuíta, equitativa, inclusiva, de calidade e ao longo de toda a vida para todas as persoas.

O dereito humano á educación constitúe unha ferramenta esencial para a redución da pobreza e das desigualdades, a protección en contextos de conflito e a construción da paz e o desenvolvemento humano integral e sustentable.

A Campaña Mundial pola Educación promove a través das súas actividades o exercicio activo e libre dunha cidadanía democrática crítica e responsable a través da mobilización social en prol do dereito á educación para todas as persoas en clave de demanda de solidariedade e xustiza social.

En concreto, este programa promove:

  • Educación para a paz: a través da información relativa á importancia da educación en zonas de conflito ou posconflito para a construción da paz e a reconciliación social.
  • Educación ambiental: a través da información relativa á importancia da educación para a consecución dun desenvolvemento humano sustentable.
  • Educación para a igualdade entre os sexos: mediante a información relativa á situación de desigualdade de xénero e á importancia da promoción da paridade de sexos no acceso á educación.
  • Educación moral-cívica: mediante a construción de demandas en favor do dereito á educación con base en principios éticos universais.
  • Normalización lingüística: a lingua vehicular do programa será o galego.

Esixencias na descrición dos centros:

  1. Experiencia previa na participación en programas educativos, campañas de sensibilización, ciberactivismo e activismo social no eido dos dereitos humanos, da cidadanía global e/ou do desenvolvemento humano sustentable.                                                                      
  2. Experiencia previa de colaboración con ONG de Desenvolvemento.

Recursos de que debe dispor o centro:

  1. Aula de usos polivalentes dotada con medios audiovisuais (pantalla, canón, computadora) e acceso á rede de calidade.
  2. Espazos para a realización de dinámicas grupais.
  3. Espazo web e redes sociais activas.

Palabras clave

Solidariedade. Dereitos humanos. Cidadanía global. Dereito á educación. Dereitos Humanos. Solidariedade. Cidadanía global. Compromiso social. Participación infantil-xuvenil. Desenvolvemento Sustentable. Xustiza social.  Igualdade. Equidade. Inclusión.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Coñecer a realidade local e global de exclusión e vulneración do dereito humano á educación.
  • Coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas como axenda internacional compartida a prol do desenvolvemento humano sustentable no eido da educación (ODS 4).
  • Sensibilizarse acerca da importancia do cumprimento do dereito á educación como dereito humano fundamental e promotor doutros moitos dereitos humanos.
  • Formarse como activistas sociais para exercer como embaixadores da Campaña Mundial pola Educación ante as administracións públicas e representantes políticos a nivel local e autonómico.
  • Mobilizarse polo cumprimento efectivo do dereito humano á educación a través das actividades da Campaña Mundial pola Educación durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME).

PARA O PROFESORADO

  • Adquirir coñecementos e competencias no eido da educación para a cidadanía global no marco da Campaña Mundial pola Educación.
  • Desenvolver habilidades para o acompañamento de procesos de participación e activismo social da mocidade no eido dos dereitos humanos.
  • Mobilizar á comunidade educativa a prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas no eido da educación (ODS 4).

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Sensibilizarse sobre a situación da educación no mundo.
  • Coñecer as demandas e reivindicacións da Campaña Mundial pola Educación.
  • Mobilizarse durante a celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación.

Metodoloxía recomendada

Con este proxecto preténdese sensibilizar ao alumnado e ao profesorado participante acerca da importancia do dereito á educación como dereito humano fundamental para todas as persoas, concienciando de vez da importancia de se mobilizar a prol deste dereito ante as institucións políticas responsables. Para iso, ofrecerase un programa de traballo dirixido a:

  • Informarse, formarse, sensibilizarse e concienciarse acerca das desigualdades existentes no cumprimento do dereito humano á educación a nivel mundial.
  • Empoderarse  e organizarse a través da aprendizaxe de ferramentas e estratexias para a mobilización social (elaboración dun produto audiovisual e dunha campaña de sensibilización e mobilización dirixida á comunidade educativa, garantindo así a capacidade de réplica do programa e converténdose o alumnado e profesorado en axentes de sensibilización e mobilización social/activistas sociais).
  • Mobilizarse a prol do dereito á educación a través das accións previstas durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), incidindo sobre as institucións políticas con responsabilidade na materia.

Proponse a seguinte metodoloxía:

  1. Realización do produto audiovisual.
  2. Entrega do produto audiovisual: Abril 2018.
  3. Entrega de memoria sobre deseño e realización de campaña de sensibilización e mobilización no centro educativo: Maio 2018.
  4. Entrega da memoria final do proxecto: 30 xuño 2018.

Os traballos enviaranse en formato dixital de xeito electrónico.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar. Momentos clave no desenvolvemento do proxecto:

1º trimestre:

  • Novembro 2017. Xornada informativa e formativa co profesorado (4 horas).
  • Decembro 2017: Obradoiro I para alumnado (2 horas lectivas).

2º trimestre:

  • Xaneiro 2018: Obradoiro II para alumnado (2 horas lectivas).
  • Febreiro 2018: Obradoiro III para alumnado (2 horas lectivas).
  • Marzo 2018: Elaboración de produto audiovisual e  deseño e realización de campaña de sensibilización e mobilización no centro educativo (10 horas).

3º trimestre:

  • Abril 2018: Xornadas de formación para o profesorado en Santiago de Compostela (Opcional. 8 horas).
  • Abril 2018: Participación no acto público central da SAME dunha selección de alumnado por centro (4 horas + tempo dos desprazamentos).
  • Maio-Xuño 2018: Participación na gravación da memoria audiovisual da SAME 2018 (2 horas).

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación do profesorado:
    • Novembro 2017. Xornada informativa e formativa co profesorado en Santiago de Compostela. Obrigatoria. Presencial. 4 horas nunha xornada. Non integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado.
    • Abril 2018: Xornadas de formación para o profesorado en Santiago de Compostela. Opcional. Presencial. 8 horas en dúas xornadas. Non integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado.
  • Apoio ao profesorado: telefónico e presencial para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula.
  • Actividades para o alumnado:
    • Decembro 2017: Obradoiro I para alumnado (2 horas lectivas).
    • Xaneiro 2018: Obradoiro II para alumnado (2 horas lectivas).
    • Febreiro 2018: Obradoiro III para alumnado (2 horas lectivas).
    • Marzo 2018: Elaboración de produto audiovisual e  deseño e realización de campaña de sensibilización e mobilización no centro educativo (10 horas).
    • Abril 2018: Participación no acto público central da SAME dunha selección de alumnado por centro (4 horas + tempo dos desprazamentos).
    • Maio 2018: Participación na gravación da memoria audiovisual da SAME no centro educativo (2 horas).
    • Charlas para o profesorado
  • Actividades extraescolares (visitas, saídas):
    • Abril 2018: Participación no acto público central da SAME dunha selección de alumnado por centro (4 horas + tempo dos desprazamentos).
    • Os custos de viaxe son financiados polo programa.
  • Material didáctico:
    • Material didáctico. Unidades didácticas. Formato electrónico e papel.
    • Materiais divulgativos do programa: dípticos, carteles e pegatinas. Formato electrónico e papel.
    • Documento de posicionamento da SAME 2018. Formato electrónico e papel.
    • Actividade de mobilización da SAME 2018. Formato electrónico e papel.
    • Manifesto da SAME 2018. Formato electrónico e papel.

Pódese acceder a todo o material anterior en formato electrónico no enderezo: http://www.cme-espana.org/same/?lang=gl/#Materiales

  • Bibliografía de referencia:

Bibliografía de referencia:

Outros elementos web de interese:

  • Páxinas web de referencia:

http://www.cme-espana.org/?lang=gl

https://www.facebook.com/CMEGalicia/

https://twitter.com/cmegalicia

Contribución á adquisición das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística, a través da expresión dos problemas detectados, do razoamento argumentado das suxestións e das propostas de mellora, da lectura e análise crítica da información a través de distintas fontes, e da expresión pública das súas demandas no eido do dereito humano á educación.
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a través da análise da situación da educación no mundo, do impacto da exclusión do dereito á educación na poboación mundial e da análise dos orzamentos públicos no eido da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD).
  • Competencia dixital, a través do tratamento da información e da análise crítica dos datos.
  • Competencia en aprender a aprender, a través das metodoloxías activas empregadas para que o alumnado sexa protagonista na elaboración de argumentarios e propostas no eido do dereito á educación.
  • Competencias sociais e cívicas, a través da análise dos problemas de exclusión e vulneración dos dereitos humanos; do activismo e compromiso crítico cidadá en prol do cumprimento efectivo do dereito á educación; e do exercicio activo dos valores democráticos de solidariedade, participación e xustiza social.
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor, a través do deseño e posta en marcha de iniciativas de participación social no marco da Semana de Acción Mundial pola Educación que favorezan a expresión do punto de vista do alumnado en asuntos do seu interese ante as administracións públicas e os representantes políticos locais e autonómicos.
  • Competencia en conciencia e expresións culturais, a través da elaboración creativa de propostas de denuncia social e reivindicación do cumprimento do dereito humano á educación.

Produto final

  • Produto audiovisual de sensibilización e mobilización a prol do dereito á educación.
  • Campaña de sensibilización e mobilización a prol do dereito á educación no centro educativo.

Os produtos serán divulgados a través das redes sociais da CME en Galicia: https://www.facebook.com/CMEGalicia/ e https://twitter.com/cmegalicia, da web da CME en España: www.cme-espana.org, e do canal da CME España en Youtube: https://www.youtube.com/user/CMEspain

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Grao de coñecemento e habilidades facilitadas ao alumnado e profesorado para a incorporación do dereito a educación e do ODS 4 no centro educativo.

5. Grao de protagonismo asumido polo alumnado na creación dos traballos audiovisuais propostos.

6.Grao de participación nos espazos xerados de encontro presencial.

Menús Learning object node R